DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese da investigadora do Grupo Ephyslab Milica Stojanovic

A achega de humidade desde o mar Mediterráneo está directamente relacionada coa aparición de secas en Europa central

Analizou os episodios máis severos de falta de choiva en todo mundo entre 1980 e 2015

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 31/01/2019

Na súa tese de doutoramento, a investigadora do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo Milica Stojanovic investigou os episodios máis severos de seca en todo mundo entre 1980 e 2015 tomando como foco de interese o transporte de humidade. Entre os resultados do seu estudo están “a confirmación de que a achega de humidade desde o mar Mediterráneo está directamente relacionada coa aparición de secas en Europa central” e un catálogo no que se identifican e caracterizan os episodios de seca en cada rexión do planeta no período estudado.

A tese, que levou por título The role of atmospheric moisture transport in major drought, estivo dirixida por Luís Gimeno e Anita Rodrigues e foi presentada recentemente no campus de Ourense. A seca, explica Milica Stojanovic, é un fenómeno natural e complexo que ocorre cando a dispoñibilidade de auga está por baixo dos niveis normais durante un longo período e non pode satisfacerse a demanda existente. “Debido ao seu desenvolvemento a longo prazo, o carácter progresivo dos seus impactos e os seus límites espaciais difusos, a seca é un dos perigos naturais máis complexos para identificar, analizar, monitorizar e controlar”, subliña a investigadora sobre a relevancia do seu estudo.
A investigación levada a cabo, indica, “está motivada polos recentes cambios observados no clima, que teñen unha importante implicación na rama atmosférica do ciclo hidrolóxico”. Segundo explica a xa doutora pola Universidade de Vigo, como resultado do cambio climático, principalmente da diminución da precipitación, pero tamén debido ao aumento da evaporación, agárdase que as secas sexan máis intensas e severas no futuro. “Polo tanto, é importante examinar os mecanismos responsables do inicio, intensidade e fin dos episodios de seca”, recalca.

Un novo enfoque

No seu estudo, Milica Stojanovic implementou un novo enfoque que considera o rol do transporte de humidade na atmosfera. “O transporte de humidade desde os océanos cara os continentes constitúe unha etapa inicial do ciclo hidrolóxico e pode desempeñar un papel crucial na variabilidade da precipitación, pero, ademais, os procesos de reciclaxe de humidade son determinantes en certas rexións”, comenta a física serbia. Para cumprir os seus obxectivos, investigou o transporte de humidade e as súas anomalías durante os episodios de seca meteorolóxica máis severos en todo o mundo durante o período comprendido entre 1980 e 2015, ambos incluídos. A análise inicial centrouse nunha perspectiva rexional, estudando a conca do río Danubio, estendendo logo as análises a escala continental, ás secas ocorridas na rexión de Europa central e mediterránea. Finalmente, estudáronse as 27 rexións de referencia especificadas no 5to Reporte de Avaliación (AR5) do Panel Intergobernamental do Cambio Climático (IPCC), elevando así a investigación a unha escala global.

No seu traballo utilizou un modelo Lagrangiano para determinar a orixe de masas de aire sobre as rexións de estudo e posteriormente cuantificar a contribución de humidade desde as rexións onde se identificou unha ganancia de humidade. Os episodios de seca, detalla a investigadora, identificáronse mediante o Índice Estandarizado de Precipitación-Evapotranspiración. “Este índice baséase no balance hidroclimático (precipitación menos evapotranspiración) e o seu carácter multiescalar permite investigar secas asociadas a condicións que persisten durante meses e anos.  Ademais, considera a influencia da temperatura nos procesos de evapotranspiración, o que permite representar de maneira máis realista as condicións de seca baixo condicións de quecemento global”, comenta Milica Stojanovic.

Os resultados

“Os resultados amosaron que as principais fontes de humidade en Europa son o mar Mediterráneo, o océano Atlántico norte, o mar Caspio, o mar Negro e as fontes de humidade terrestre que rodean a cada unha das tres rexións”, explica a investigadora. En particular, detalla, “a achega de humidade desde o mar Mediterráneo está directamente relacionada coa aparición de episodios de seca en Europa central, en especial durante o ano 2003, cando condicións de seca afectaban a case toda Europa”. Na súa tese de doutoramento, indica Milica Stojanovic, “confirmouse a existencia dunha relación significativa entre a severidade e a duración dos episodios de seca en Europa  (durante a tempada de inverno) e as anomalías da achega de humidade desde o mar Mediterráneo”. Durante estes episodios de seca, que por exemplo na rexión de Europa central ascenden a 51 no período estudado, comenta a física, “observouse en conxunto un claro aumento da subsidencia, un aumento da evapotranspiración e unha redución na precipitación”. Unha circulación anticiclónica anómala localizada en Europa, afirma, “foi a responsable de inhibir o transporte de humidade desde o mar Mediterráneo cara Europa”.

Finalmente, comenta a investigadora do campus de Ourense sobre a súa tese, “pasando a unha análise sistemática dos procesos de transporte de humidade que desencadean episodios de seca a escala global, realizouse un estudo detallado para cada unha das 27 rexións do IPCC”. Este traballo, detalla, permitiu confeccionar un catálogo no que se identifican e caracterizan os episodios de seca en cada rexión de forma individual durante o período 1980-2015 e se cuantifican algúns dos compoñentes do balance de humidade durante os episodios de secas meteorolóxicas máis severos en cada unha das rexións. O catálogo porase a disposición das persoas e entidades interesadas na web do Grupo Ephyslab co  obxectivo de “contribuír á mellor comprensión dos mecanismos responsables da ocorrencia de secas meteorolóxicas a nivel global”.