DUVI

Diario da Universidade de Vigo

advanced trading

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 17/02/2020

Os ‘traders’ ou negociadores bolsistas son aquelas persoas que se dedican a comprar e vender activos procurando así un beneficio na diferenza entre o prezo de compra e o da súa posterior venta, ou viceversa. Hai anos, antes da chegada de internet, esta era unha tarefa moito máis complexa xa que os ‘traders’ tiñan que facerse cargo de todas as súas transaccións e solicitudes por correo, teléfono ou fax. Hoxe en día é máis sinxelo grazas á  mellora dos ordenadores e á velocidade coa que se pode navegar en internet facendo desta unha actividade moito máis accesible para todos aqueles que queiran iniciarse no mundo da especulación financeira.

É por iso que Jorge Vila Biglieri e José Luis Sáez Ocejo, profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, decidiron crear o curso de Trading Avanzado, unha iniciativa que xurde como continuación do de Formación de Introdución á Bolsa, un clásico da programación de cursos do primeiro cuadrimestre. A actividade, que se celebra este ano por terceira vez consecutiva, terá lugar a partir do próximo 21 de febreiro en horario de 16.00 a 21.00h na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e, nela, ademais dos propios directores, a iniciativa contará coa participación como docente de Pablo Iglesias, xestor de patrimonios.

O curso foi creado coa intención de ensinar ao alumnado a “negociar negociando”, é dicir, aprender e gañar experiencia neste ámbito a base de práctica nunha plataforma en liña, un concepto actualmente coñecido como ‘Learning by doing’. Así mesmo, dado que se trata da continuación doutra actividade, pártese da idea de que as e os participantes posúen coñecementos básicos sobre a materia, aínda que pouco a pouco iranse explicando aspectos teóricos e prácticos a través de conferencias e sesións prácticas, permitindo unha aprendizaxe autónoma e adaptada ao nivel de cada estudante. “Cada venres proporanse obxectivos que serán avaliados na seguinte clase”, explican os organizadores, ademais, “o terceiro venres de cada mes están previstas actividades especiais”.

“Wall St é unha mina de grandes oportunidades”

“O único que podemos asegurar no futuro é o crecemento dos mercados financeiros, ben sexa en accións, opcións ou criptomoedas”, explican os directores, que fan fincapé en que “Wall St é unha mina de grandes oportunidades, por exemplo, a subida de Tesla de 321 dólares a 900 en menos dun ano, incluído un día no que gañou un 30%, ou os resultados do cuarto trimestre de 2019 de Amazon, que dispararon a cotización 200 dólares, o que equivale a una subida da capitalización de bolsa tres veces a de Telefónica”. Nestes aspectos son nos que se basea o curso de Trading Avanzado,  cuxo programa está moi enfocado á negociación en liña e que nace coa intención de converterse nun “crisol no que os estudantes noveis e experimentados comparten ideas enriquecedoras”, sinalan os organizadores, que consideran  que ter contactos pode ser algo vital para as diferentes situacións que vaian presentarse ao longo da vida laboral. Así mesmo, e debido ao éxito que tivo o curso de bolsa entre o alumnado do Programa de Maiores, o curso busca tamén “axudar a rendabilizar os aforros dos xubilados e facer fronte á perda do poder adquisitivo das súas pensións, xa que moitas destas persoas saben como investir en bolsa, pero non como sacarlle proveito aos recursos que ofertan as novas tecnoloxías”, expón Vila Biglieri. 

O prazo de inscrición remata ás 14.00 h do venres 21

Esta actividade formativa está dirixida tanto a titulados universitarios de 1º e 2º ciclo, como ao alumnado da universidade e a profesionais directamente relacionados coa especialidade do trading, tendo preferencia aquelas persoas que veñan de titulacións con contidos estritamente relacionados co programa. 

A duración do curso será de 25 h de clases presenciais -que terán lugar os días 21 e 28 de febreiro e 6,13 e 27 de marzo- e sete sesións titoriais. O prazo de inscrición e matrícula finaliza o mesmo día de inicio do curso, o 21 de febreiro ás 14.00 horas, podendo efectuarse a través da plataforma virtual Bubela.