DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa 10ª edición a mostra lembra aos docentes Berta Cáccamo e Manolo Moldes  

As 'Afinidades Selectivas' da remuda xeracional e a homenaxe aos creadores que nos precederon 

Inaugurada hoxe na Casa Galega da Cultura, poderá visitarse ata o 10 e marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Mª Carmen Echevarría DUVI 07/02/2019

Discípulas e discípulos no seu día, que agora son mestras e mestres, que a súa vez propoñen alumnas e alumnos cos que teñen afinidades. Remuda xeracional, pero tamén homenaxe aos desaparecidos Berta Cáccamo e Manolo Moldes, creadores e docentes da Facultade de Belas Artes que xa no están, pero dos que permanece a súa obra. Sobre estes alicerces aséntase a décima edición de Afinidades Selectivas, inaugurada esta tarde na Casa Galega da Cultura, onde ata o vindeiro 10 de marzo amosará os froitos do traballo de cinco parellas artísticas, as formadas por Fruela Alonso e Manolo Moldes; Itziar Ezquieta e Berta Cáccamo; Cristian Gradín e David Fidalgo; Begoña Paz e Román Corbato e Mª Covadonga Barreiro e Carmen Rojo.

“Neste caso a proposta reúne a discípulos que agora son mestres… nesta décima edición xa está a producir a remuda xeracional e aínda que as propostas son multidiciplinares e insístese, non só o feito da creación artística, senón na capacidade didáctica do creado, hai tamén unha mirada e unha homenaxe a aqueles que nos precederon, que neste caso se exemplifica nas figuras de referencia de Manolo Molde e Berta Cáccamo”, explica Cristina Varela, comisaria da exposición e docente da Facultade de Belas Artes.

Cultura transferida e demolida

Na inauguración da mostra, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, en nome do reitor, Manuel Reigosa, que tamén asistiu á exposición, destacou a formación de calidade que se imparte na Facultade Belas Artes, en particular, e na Universidade de Vigo en xeral, así como o compromiso da institución académica “de devolver á sociedade en forma de coñecemento, arte ou cultura toda a confianza que depositaron en nós”. Caparrini, que tamén se referiu á afinidade existente entre a Universidade e o Concello de Vigo, como fixo posteriormente o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, tamén destacou o papel de precursores da mostra que desempeñaron Cáccamo e Moldes.

May Díaz, dona de Moldes, lembrou a actividade artística e tamén a docente, que desempeñou durante 23 anos na Facultade de Belas Artes o artista. “Tal vez as súas formas non fosen as máis usuais e a puntualidade definitivamente non foi nunca o seu, pero é certo que tiña paixón por ensinar e sei que estaría especialmente orgulloso de ver como os seus alumnos, os seus rapaces como el os chamaba, evolucionaron e puideron encontrar os seus propios camiños”, dixo. Pola súa banda, Pepe Cáccamo amosouse na súa intervención especialmente crítico cuns tempos “nos que estamos asistindo a unha demolición monstruosa da cultura, de todos os ámbitos, de todos os xeitos, de reconversión da cultura en proxectos populistas de degradación da calidade, con manifestación universais e tamén en Galicia e Vigo, e fronte a iso os artistas seguen activos, facéndose responsables da cultura e a arte e seguen en diálogo entre colegas, pero tamén a través dos vínculos que se manteñen a través da memoria”, asegurou o irmán de Berta Cáccamo.

Obras rotundas material e conceptualmente, froito da afinidade

Do diálogo entre Itziar Ezquieta e Berta Cáccamo xurdiu Elas. Composición dun arquivo de meu, unha montaxe de pezas de pintura a partir dunha afinidade sobre a que Ezquieta fai referencia a “verteduras, estruturas ovoides en suspensión, etéreas e ao tempo rotundas no seu presente… expansión viva e fluír a materia pictórica. Foron semente os lugares onde hoxe habitan as presenzas figuradas”. No caso de Tentativas de descripción de la realidad, Fruela Alonso fai referencia á súa obra, acrílico sobre táboa, froito do diálogo con Manolo Moldes aludindo a “xestos, goce matérico pola pintura, experiencia e xenialidade dunha personalidade única…marcan un tempo, uns vieiros, que hoxe retomamos cun goce polo traballo. Tórnanse calma as paisaxes nebulosas do cotiá”. 

Mª Covadonga Barreiro, autora da vídeo-proxección sobre papel Correspondencias (After Baudelaire) sitúa o inicio da afinidades coa súa alumna e autora da obra fotográfica Paisajes interiores, Carmen Rojo, no proceso de titorización e acompañamento do seu traballo Fin de Grao, “afinidades que, superando o ámbito académico, nos permiten establecer relacións conceptuais e formais entre as propostas artísticas de ambas”, explica a docente.

A animación dixital Lo que tú digas e o acrílico sobre papel con animación Lo que yo diga de Cristian Gradín e Sinceramente, yo ya no razono de David Fidalgo, teñen na súa orixe no momento no que Gradín descobre que o seu alumno traballaba con animación. “Unha animación debuxada e pintada de maneira tradicional, fotograma a fotograma, na que se poden ver o trazo manual e todo barullo que xera o lapis e a pintura cando se poñen en movemento”, explica o docente, que tamén destaca, ademais da afinidade formal e o tratamento de cuestións de xénero, unha cousa que lle interesa especialmente da obra do seu pupilo: o humor, que considera un síntoma de intelixencia.

“As costuras desta relación, que aínda que parte do académico, dan resposta a unha acción pedagóxica, deixan as súa pegadas en dous proxectos que exploran o territorio como un lugar de convivencia”, asegura a docente Begoña Paz, autora de Variacións con repetición, sobre as súa afinidade co alumno Román Corbato, autor de Umbral, vacío y vestigio. Segundo Paz na súa produción conxunta “tempo, alento e activación mestúranse en diferentes graos de dependencia, de relación e acomodo, nun achegamento didáctico desde a arte”.

A comisaria da mostra, Cristina Varela, incide na multidisciplinariedade das propostas que conforman a décima edición de Afinidades Selectivas “todas elas rotundas material e conceptualmente” ao tempo que afirma que “asegura o paso adiante de quen asumiu ‘facer’ e ‘ensinar’, conscientes e orgullosos dos seus referentes e á vez comprometidos coa imprescindible revisión continua”, explica.