DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática da UVigo ingresou na institución como académica correspondente 

África González achegará á Real Academia de Farmacia de Galicia a súa experiencia no campo da inmunoterapia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/09/2019

“Un orgullo e unha responsabilidade”. Con estes sentimentos enfronta a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González a súa incorporación como académica correspondente á Real Academia de Farmacia de Galicia. Nun acto celebrado nas últimas horas na sede compostelá da institución, González ingresou na Real Academia de Farmacia de Galicia pronunciando un discurso titulado El ayer y el hoy de la inmunoterapia, no que afondou no cambio espectacular que en poucos anos se produciu nos tratamentos a pacientes coa introdución da inmunoterapia. Precisamente a súa experiencia neste campo, considera a catedrática da Universidade de Vigo que será a súa principal achega á academia, á que agradece este recoñecemento, “aínda que eu non nacín en Galicia, xa son galega de adopción”, asegura.

A académica de número María Cristina Arias foi a encargada de pronunciar o discurso de presentación da xa nova académica correspondente, que ademais de a Arias, agradece que fosen outras dúas académicas, María José Alonso e Mabel Loza, as que a presentasen. “Espero apoiar á Academia no futuro con gran dedicación e axudar a dar difusión á inmunoterapia, e á inmunoloxía, en xeral. Unha especialidade puxante, que non só no campo da diagnose, prevención e terapias actuais, senón que seguramente brindará moitas novas terapias nun futuro próximo”, agarda a docente e investigadora. 

Unha revolución terapéutica na clínica 

África González refírese á inmunoterapia como “unha revolución terapéutica na clínica nos últimos anos, co uso dos anticorpos monoclonais, e máis recentemente a terapia celular, incluída a terapia CAR, con linfocitos modificados para destruír células leucémicas”. Pero a inmunoterapia, destaca a catedrática, é moito máis ampla, incluído o uso de patóxenos para terapia antitumoral, as vacinas, “tanto preventivas fronte a infeccións e cancro, como terapéuticas par alerxia, cancro ou enfermidades autoinmunes, algunhas delas xa moi consolidadas e outras en distintas fases de ensaios clínicos”, detalla González.

No seu discurso de ingreso, a catedrática do Grupo de Inmunoloxía lembrou que o uso de microorganismos ou os seus compoñentes en vacinas remóntase a varios séculos atrás, “ou de substancias solubles como os anticorpos poli- e monoclonais, así como citocinas, levan algúns anos, pero a inmunoterapia celular está a xurdir con forza máis recentemente en clínica”. África González destacou que é no tratamento do cancro onde a inmunoterapia está a acadar a súa maior expansión, co obxectivo de destruír o tumor, ben de xeito directo ou de forma indirecta, achegando unha maior especificidade e menores efectos secundarios que os que producen outros fármacos. “Estamos asistindo a unha verdadeira revolución terapéutica e o futuro está aínda por chegar”, asegurou a catedrática no seu discurso de ingreso na Academia.