DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na oitava edición do congreso internacional organizado polo grupo de investigación GIEEAH

A agroecoloxía demanda “pasar do local ao institucional” para transformar o sistema económico e alimentario

Consideran que, doutro xeito, sufriranse recorrentes crises ambientais, sanitarias e sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M.Del Río DUVI 01/07/2020

De non ter sobrevido a pandemia mundial da covid-19, esta semana na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo daríanse cita representantes do mundo da investigación, a agricultura, o activismo e o asociacionismo no marco do VIII Congreso Internacional de Agroecoloxía. Sen embargo, esta cita coa sustentabilidade estase a celebrar de xeito virtual cunha cifra récord de participantes, máis de 250, de Brasil, Colombia, México, Paraguai, Venezuela, Chile, Estados Unidos, Portugal, Reino Unido, Italia e Francia, así como de todas as comunidades autónomas do Estado español. Dende hoxe mércores e ata venres terán lugar presentacións, mesas redondas, talleres e dúas conferencias plenarias que xirarán arredor das políticas alimentarias para a sustentabilidade.

No acto de apertura, celebrado esta mañá, Mamen Cuéllar, do Instituto de Sociología y Estudios Campesinos da Universidade de Córdoba, entidade coorganizadora do simposio, agradecía “o traballo realizado para poder adaptar o congreso, no medio dunha situación de incerteza, a un formato dixital”. Tamén trasladou “ánimo, enerxía, empatía e compañeirismo” ás persoas participantes procedentes daqueles países nos que agora mesmo a pandemia azouta con máis forza á poboación. “Esperamos poder saír de aquí con leccións aprendidas” e, neste sentido, remarcou que a agroecoloxía “sempre estivo aí, tratando de dar respostas e solucións á situacións de crise permanente”. Por isto, nesta oitava edición, explicaba, “máis ca nunca vimos con moita ganas de compartir, de crear xuntas, de construír e de seguir inventando e soñando”.

Xavier Simón, investigador principal do grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da UVigo, GIEEAH, fixo fincapé no papel da agroecoloxía para mudar o sistema, non só alimentario, senón tamén económico. “A agroecoloxía é transformación, está orientada á acción e require da participación de moitos e de moitas partindo da multidisciplina do mundo científico e do mundo social, dos campesiños e campesiñas, de todos e todas”. Neste sentido, o docente lembrou que este oitavo congreso “pretende contribuír a ese proceso de transformación tan necesario que se agudiza coa pandemia da covid-19”. De feito, o principal obxectivo destes tres días de debate é avanzar na formulación de políticas públicas para a sustentabilidade “que permitan escalar, masificar e amplificar a presenza da agroecoloxía, porque ou temos máis agroecoloxía ou o sistema económico e alimentario sufrirán crises recorrentes tanto ambientais como sanitarias e económicas e sociais. Só transformando o sistema seremos capaces de superar esta situación. Estamos seguros que imos ser capaces de contribuír a fortalecer a agroecoloxía e crear un mundo diferente polo que vimos traballando e loitando durante décadas”.

O profesor da UVigo aproveitou o acto de inauguración para agradecer á Universidade de Vigo o seu apoio para facer posible a celebración deste simposio de xeito virtual, sendo o primeiro que ten lugar dentro do Campus Remoto da UVigo e estreando así o edificio virtual de congresos e exposicións. Tamén agradeceu a colaboración da outra entidade organizadora, a Fundación Juana de Vega. 

Pasar do local ao institucional

Xavier Simón explica que un dos retos da agroecoloxía na actualidade pasa por escalar as iniciativas locais ou comunitarias para convertelas en políticas institucionais. Algúns concellos ou mancomunidades, indica, “están a desenvolver iniciativas agroecolóxicas”, así como centros educativos e mesmo empresas co obxectivo de “dinamizar os territorios locais que producen alimentos sans que beneficia ós seus membros sen producir danos ambientais ou sociais de especial relevancia e sempre dunha escala local”. Á hora de dar o salto a un ámbito máis global, Simón apunta que xa existen ámbitos de gobernanza social onde un conxunto variado de actores, sobre todo privados, deciden pasar a do individualismo e a uniformización alimentaria á colectivización e diversificación alimentarias. Estas iniciativas “teñen efectos, polo de agora locais, pero son uns ‘faros agroecolóxicos’ que nos marcan o camiño que deberiamos emprender”. O seguinte paso é buscar mecanismos que sirvan para ampliar a súa escala, sumando máis produtores e consumidores, integrando máis organizacións, minimizando os riscos globais, ampliando as bases territoriais locais que producen os nosos propios alimentos e os nosos bens de consumo.

Steve Gliessman e Emma Siliprandi, ponentes principais

Nas tres xornadas do congreso presentaranse 120 comunicacións e desenvolveranse mesas de debate, varios obradoiros e dúas palestras maxistrais a cargo do agroecólogo Steve Gliessman, cunha longa traxectoria na que foi quen de integrar ciencia, práctica e activismo social, que terá lugar mañá xoves ás 19.00 horas, e Emma Siliprandi, agroecóloga, pioneira da agroecoloxía feminista e oficial de agricultura da FAO, que ofrecerá un relatorio o venres ás 19.15 horas, sobre a agroecoloxía na axenda internacional e as reflexións a partir das experiencias en curso. 

No que se refire ás mesas redondas, a primeira delas foi a que abriu o programa do congreso, centrándose na alimentación e sustentabilidade nas empresas. Josefa de León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb e membro da Red Española por el Pacto Mundial; Ramón Romero, CEO en BeForGet Aprendizaje Sostenible e Gabriela González, directora de Responsabilidade Social de Vegalsa-Eroski, partillaron sobre como modifica o ámbito individual a transformación alimentaria nas empresas, como impacta a xestión alimentaria dunha empresa no seu territorio, que empresas están a traballar neste eido ou como se apoia ou fomenta a transición alimentaria dende o público ao privado. 

As outras mesas versarán sobre o papel da agroecoloxía fronte ao aumento dos totalitarismos; as mulleres e o feminismo na agroecoloxía e o seu impacto no cambio das relacións de xénero desde o campo á mesa; a gandaría extensiva e o seu papel na transición agroecolóxica e os criterios para o deseño e avaliación das políticas públicas agroecolóxicas dende diferentes perspectivas. No que se refire aos obradoiros, estes xirarán arredor de temas como as respostas á pandemia da covid-19, as estratexias de difusión da agroecoloxía, o antiespecismo e a loita pola igualdade e o diálogo sobre a loxística agroecolóxica nos sistemas territorializados.