DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Homeward Bound Program formará ata 2026 un millar de mulleres de todo o mundo

Alba Aguión, primeira galega nunha rede internacional de científicas que aspiran a liderar as decisións sobre o futuro do planeta 

A bióloga viaxará coas outras 79 seleccionadas á Antártida en novembro de 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/10/2019

Co obxectivo de constituír unha rede internacional de 1000 mulleres formadas en diversos ámbitos científicos, que poidan liderar e influír na toma de decisións que afectan ao planeta, arrancaba no ano 2016 en Australia o programa Homeward Bound. Ata o ano 2026 esta iniciativa, que permitirá poñer en valor e visibilizar o papel das científicas, seleccionará cada ano entre 70 e 90 mulleres ás que ofrecerá un programa de formación en liderado no que traballarán diversas habilidades relacionadas coa xestión de equipos, relacións internacionais ou comunicación, ademais da oportunidade de participar nunha viaxe conxunta, que nesta edición será á Antártida. 

A docente e investigadora de Future Oceans Lab da Universidade de Vigo Alba Aguión acaba de converterse na primeira científica galega en ser seleccionada para a quinta edición do proxecto, ao que presentou a súa candidatura, e que considera “unha oportunidade única de mellorar as miñas capacidades de liderado da man de expertas e expertos mundiais e de contactar con outras científicas, co interese de loitar por un mundo máis sostible e libre de estereotipos de xénero”, explica a bióloga, que se atopa en EEUU realizando unha estadía. Aguión considera “un orgullo” ser a primeira galega en participar neste programa internacional, que compatibilizará coa elaboración da súa tese de doutoramento sobre a adaptación da pesca artesanal aos impactos do cambio climático, cuestión sobre a que o programa tamén ofrece unha ampla formación. 

11 meses de formación que rematarán cunha viaxe á Antártida

O programa deste ano arrancará oficialmente o vindeiro de mes de novembro e prolongarase durante 11 meses, ao longo dos que as participantes, entre elas cinco científicas españolas, terán reunións individuais e en grupo para traballar habilidades de liderado, xestión e equipo, comunicación e relacións internacionais. “Ademais recibiremos formación en cambio climático e igualdade de xénero”, explica Alba, que se amosa especialmente ilusionada coa viaxe que a finais do ano 2020 realizarán as 75 seleccionadas desta edición á Antártida, onde ademais terán ocasión de coñecerse persoalmente e descubrir “in situ” investigacións pioneiras en cambio climático.

“A Antártida ten zonas que rexistraron algún dos maiores aumentos de temperatura dos derradeiros 50 anos no planeta (Península Antártida). É unha oportunidade única para ver de primeira man os efectos do cambio climático nun lugar especialmente vulnerable e moi importante para o planeta, xa que o avance e o retroceso dos xeos no continente ten influencia a nivel planetario”, detalla a investigadora. Alba Aguión, que xa participara durante o seu mestrado nunha expedición ao Ártico para estudar as bacterias e arqueas dos glaciares, terá agora a oportunidade de completa a súa formación viaxando ao outro extremo do mundo. “Agardo traer novas historias que contar ao alumnado e aos adultos nas miñas visitas a colexios e museos”, destaca a bióloga, que na súa faceta como divulgadora científica, gañou no ano 2016 o certame Famelab España, o maior concurso internacional de monólogos científicos, cunha peza titulada La inteligencia del hormiguero. 

Poden as nenas aspirar a carreiras sen mulleres nas que inspirarse?

A investigadora do CIM-UVigo destaca, ademais da posibilidade que lle ofrece este programa de establecer relación con outras mulleres científicas, a de establecer futuras colaboracións, tanto científicas, como en proxectos de divulgación, que lle dean visibilidade á figura da muller na ciencia. “Antes de comezar o doutoramento en Vigo, traballei en Reino Unido cunha empresa chamada Education Through Expeditions, coa que visitaba centros escolares nos que falaba da miña investigación no Ártico. O día anterior ás miñas visitas as nenas e nenos debuxaban o científico que ían coñecer e despois de visitar máis de 50 centros, en moi contadas ocasións debuxaron unha muller. Isto plantea unha pregunta: poden as nenas aspirar a carreiras profesionais sen mulleres nas que inspirarse? Eu creo que non e é por iso que é tan importante visibilizar o papel da muller lonxe do rol tradicional”, afirma Aguión.

A bióloga da Universidade de Vigo está a facer o seu doutoramento dentro do proxecto CLOCK (Adaptation Solutions for Climate Change Impacts Fisheries) e PERCEBES ( Tools for the transition to spatial management of coastal: the stalked barnacle fishery in SW Europe) e asegura ter “un especial interese en entender como afectará o cambio climático ao percebe, que serve como caso de estudo de animais que non poden escapar coa subida das temperaturas, e sobre o que existe unha especial importancia de axeitar a extracción dos mesmos aos efectos que están por chegar”, explica.

Ademais dunha páxina web sobre a súa participación no proxecto, Alba Aguión dispón doutra web destinada a recadar doazóns coas que abonar o prezo da súa participación no proxecto, uns 33.000 dólares americanos “dos que xa estou becada ao 50% polo propio programa. A outra metade, máis uns 3000 dólares de gastos da expedición, é a parte que recadarei cos patrocinadores e facendo eventos de divulgación de ciencia e a través de crowdfunding”, detalla a científica.