DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia celebrada este venres no edificio Politécnico

Alumnado de Aeroespacial achégase ás potencialidades das aeronaves non tripuladas en emerxencias

A sesión correu a cargo do enxeñeiro Jacobo Fernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/03/2019

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense organizou este venres unha conferencia que permitiu ao seu alumnado achegarse ás potencialidades das aeronaves non tripuladas na xestión de emerxencias como os incendios. A charla foi ofrecida no edificio Politécnico por Jacobo Fernández, enxeñeiro aeroespacial da compañía Babcock España. Ao longo da súa intervención, o relator explicou ao alumnado asistente o seu traballo como enxeñeiro de deseño e deseño en voos nesta empresa e sobre todo o traballo que realiza a súa entidade desde a súa sede en Galicia, no Aeródromo de Rozas, en Lugo.

Jacobo Fernández salientou como a súa empresa chegou a Lugo en 2016 de man do Programa Civil UAVs Initiative, da Xunta de Galicia, “que foi o que nos permitiu vir a Galicia e abrir aquí o proxecto de helicópteros non tripulados no que estamos traballando actualmente”. Así o alumnado puido coñecer como Babcock España é unha compañía aeronáutica española, ata 2017 denominada Inaer, dedicada a servizos de emerxencia aérea e mantemento de aeronaves, especializada en operacións como loita contra incendios, rescate marítimo ou control de vertidos.

Na conferencia, as e os estudantes puideron coñecer as características dos helicópteros non tripulados que está a desenvolver esta compañía, como se leva a cabo un proxecto de I+D neste sector e o proceso de creación dos sucesivos prototipos ata alcanzar un produto final. Concretamente, puideron ver as características dun proxecto de Babcock España destinado a optimizar os tempos, recursos e eficiencia da loita contra os incendios a través de aeronaves non tripuladas en colaboración con aeronaves tripuladas, buscando un “enfoque industrial e de profesionalización do uso de aeronaves non tripuladas”, tal e como indicou Jacobo Fernández.