DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia celebrada este xoves no campus

Alumnado de Aeroespacial somérxese no mundo da simulación de fluídos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Visitas
  • Académica
DUVI Ourense 16/05/2019

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este xoves unha nova sesión do seu Foro Aero. Nesta ocasión, o alumnado do centro  tivo a oportunidade de achegarse ao estado da arte no eido da simulación, concretamente da simulación de fluídos, e o traballo que nela realizan na University of Manchester. Foi grazas a unha conferencia de Benedict D. Rogers, da School of Mechanical, Aerospace and Civil Engineering desa institución académica. Durante a súas intervención, que tivo lugar do edificio Politécnico, as e os asistentes puideron coñecer a importancia que ten a simulación do comportamento dun fluído para múltiples aspectos, como a previsión ante posibles inundacións, o estado de desenvolvemento tecnolóxico actual neste eido e os retos que teñen as e os investigadores nel.

A conferencia, que levou por título Aerospace Engineering at University of Manchester and state of the art simulation, xorde da dilatada traxectoria de colaboración existente entre un grupo de investigación liderado por Benedict D. Rogers e o grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, do campus de Ourense. Os dous, contando coa colaboración de universidades como a de Gent, Parma, Lisboa e a Politécnica de Cataluña, crearon DualSPHysics, un programa que permite, aproveitando unha tecnoloxía desenvolvida pola industria dos videoxogos, facer as maiores simulacións de fluídos, como grandes masas de auga, cunha precisión moi elevada, podendo ver o seu comportamento centímetro a centímetro. O programa, cuxa primeira liberación de código se produciu en 2010 e se actualiza periódicamente, é un referente no seu eido e ten sido utilizado en países como Bélxica para a contención de diques ou en proxectos de grandes entidades como a Nasa.