DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia do presidente da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo

Alumnado do campus achégase aos retos do sector turístico ante a dixitalización

Eduardo Parra explicou o cambio de modelo que se está a producir

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/10/2019

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Retos da transformación dixital nos destinos turísticos. A relevancia da intelixencia artificial, ofrecida por Eduardo Parra, profesor da Universidad de La Laguna e presidente da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit). Nela, este experto abordou os retos e carencias ás que se enfronta o sector ante o cambio tecnolóxico.

Durante a súa intervención, Eduardo Parra falou sobre “o que está sucedendo desde a perspectiva dos destinos turísticos en España, sobre como, debido ao proceso de dixitalización que está afectando á industria, temos que enfrontar unha serie de cambios moi importantes”. Neste escenario, o profesor expuxo ao alumnado do Grao de Turismo presente o concepto de intelixencia turística e a necesidade de traballar arredor del. A intelixencia turística, detallou, defínese como “a capacidade que vamos a ter nos destinos de integrar a actores para xerar datos, non só datos estruturados (os datos clásicos estatísticos) senón tamén datos non estruturados (datos que existen no mundo dixital, como as redes sociais, e dos que só coñecemos entre un 1 e un 5%)”. A mestura da análise deses dous tipos de datos, afirmou Eduardo Parra, “é o que xerará unha información intelixente, máis achegada aos turistas e que dará solucións para tomar decisións moito máis áxiles e moito máis eficientes” no sector.

Gobernanza, sostibilidade e tecnoloxía

“España ten que enfrontar un proceso grande de cambio de modelo xa que senón vamos a ter moitos problemas para competir”, dixo o presidente da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo. Entre os retos que se abren apuntou “a necesidade de que os destinos traballen a gobernanza, unha gobernanza moito máis integrada, cunha visión moito máis profunda de compartir as cousas”. Tamén recalcou a importancia da sostibilidade vinculada ao cambio climático e da tecnoloxía como medio para evolucionar os destinos. Neste contexto Eduardo Parra destacou a relevancia de que “os destinos sexan capaces de contar con técnicos capacitados con competencias moito máis abertas a todo o proceso de dixitalización, de análise de datos”.

Durante a súa intervención no campus, o profesor tamén falou do proceso de creación de destinos turísticos intelixentes e da súa certificación por parte do goberno. “O problema é se os destinos están preparados para certificarse e eu creo que a día de hoxe non estamos capacitados aínda, é un proceso largo, complexo e altamente custoso desde o punto de vista do investimento”. De todos os xeito, entre os exemplos dun destino turístico que está a enfrontar na súa opinión axeitadamente o reto dixital, este experto citou o caso de Benidorm, que na súa opinión é exemplo de “saber entender o que estaba pasando e de ser visionario por onde tiña que camiñar o cambio” e facer “esforzos integrando a gobernanza, a tecnoloxía, os datos, a sostibilidade e a comercialización intelixente”. Sobre estes temas tamén conversou Eduardo Parra durante a súa visita a Ourense con Gonzalo Pérez Jácome, alcade da cidade, nun encontro no que tamén participou o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo José Antonio Fraiz, organizador da conferencia.