DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Día Internacional del Libro Infantil realizan unha proposta de lecturas recomendables

Alumnado de Ciencias da Educación deseña a súa propia 'biblioteca transformadora'

A exposición de materiais está na entrada do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 02/04/2019

Desde o ano 1967, o 2 de abril celébrase, coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o Día Internacional del Libro Infantil, promovido pola Organización Internacional para o Libro Xuvenil co obxectivo último de promocionar “os bos libros infantís e xuvenís” e a lectura entre o público máis cativo. Uníndose a esta iniciativa, alumnado de Educación Infantil e Primaria, da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, realizou este martes a súa propia 'biblioteca transformadora'.

O alumnado, apoiado polas docentes Isabel Mociño e Verónica Pousada, seleccionou para esta biblioteca transformadora situada na entrada do Edificio de Ferro obras de literatura infantil que consideraron lecturas recomendables para a infancia, como A lagoa das nenas mudas; Lola, a loba; El cazo de Lorenzo; Bambú o koala; La peluca de Luca; Mi princesito ou La mitad de Juan. Baseándose na súa lectura, as e os estudantes realizaron de cada obra unha creación persoal “coa que queren contribuír á creación dunha biblioteca transformadora que fomente unha visión da sociedade e do mundo” e na que teñan protagonismo “valores fundamentais como son a coeducación, o ecoloxismo, a equidade, a identidade, a inclusión, a interculturalidade e o pacifismo”.

En cada pequena creación exposta recóllese a visión persoal e creativa que a súa lectura provocou no alumno ou alumna, anímase a ler con nenas e nenos estas obras e sobre todo reflexionar sobre os valores que transmiten autoras e autores da literatura infantil e xuvenil de todos os tempos e nacionalidades. Tamén se inclúen datos básicos para axudar ao público interesado a localizar as obras orixinais. Esta iniciativa, apuntan as súas promotoras, baséase na idea de que “as lecturas da nosa infancia moldéanos como persoas e individuos sociais e veñen da man da familia e da escola” e que “a literatura é un ben e un dereito. Coñecela e gozala tamén”.