DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas xornadas promovidas na EE Forestal no marco do Campus Crea

Alumnado de diferentes programas de doutoramento do campus pon en común as súas liñas de investigación

Preto de 15 estudantes de posgrao presentaron os seus proxectos en formato de pósters

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/12/2018

A xeración de sinerxías e a posta en contacto de investigadores e investigadoras de diferentes áreas co propósito de promover iniciativas interdisciplinares constitúe un dos motivos centrais do Campus Crea, como sinala Carlos Souto, responsable do proxecto de especialización do campus pontevedrés, no que se enmarcan as Xornadas de Investigación que na tarde deste xoves se desenvolven na Escola de Enxeñaría Forestal. “O obxectivo era ofrecer ao alumnado dos diferentes programas de doutoramento do campus a posibilidade de presentar os seus traballos, así como de coñecer outras investigacións que se están a desenvolver”, sinala Souto dunha xornada na que trece investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos presentaron en formato de póster as liñas de investigación que, na maioría dos casos, centrarán as súas teses de doutoramento.

Co obxectivo de servir como un encontro entre investigadores e investigadoras, pero tamén como unha oportunidade para o alumnado de “defender en público os seus proxectos”, os e as participantes encargáronse ao longo de esta tarde de ir presentando os seus pósters, “que é un dos primeiros formatos nos que terán que dar a coñecer os seus traballos en congresos”, como explica Souto, así como de ir respondendo as preguntas que lles ían formulando os asistentes.

Trece mostras das múltiples liñas de traballo

Dirixido tamén a dar a coñecer entre o persoal docente e investigador do campus os traballos de investigación que se atopan en curso nas diferentes facultades e escolas, este encontro reuniu, a través dos trece pósters presentados, proxectos tan dispares como a análise das estratexias de comunicación e novos formatos nos debates das recentes eleccións andaluzas, proposta que Érika Conde, desenvolveu xunto a Carmen Máiz e Julia Fontenla como comunicación para un congreso, como a análise que, desde a perspectiva do feminismo, Rebeca López-Villar leva a cabo da representación da figura da bruxa na creación audiovisual contemporánea.

Tamén desde o ámbito da arte, nestas xornadas estaban representados traballos como a investigación Ampliando os marcos de representación da violencia. Compromiso en defensa dos animais e da nosa contorna na arte contemporánea do século XXI, de Andrea Domínguez Torres; a análise sobre a pegada gráfica do bocexo na animación que Manuela Elizabeth Rodríguez leva a cabo baixo a dirección dos profesores de Belas Artes José Chavete e Sol Alonso, ou o estudo da invisibilidade como recurso creativo de José Rey Villanueva. Por outra banda, ámbitos como o deporte e a saúde estaban presentes neste encontro a través de estudos como o referido ao impacto dun programa de adestramento funcional na prevención de lesións músculo esqueléticas en bombeiros, que o investigador portugués Nuno Cardoso desenvolve xunto a Pedro Bezerra e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e responsable do grupo de investigación HealthyFit, José María Cancela, director tamén das investigacións sobre os efectos dun programa de adestramento na actuación de oficiais de policía que A.O. Araújo desenvolve con membros da policía portuguesa ou o traballo de B. Blanco Nuñez sobre a efectividade do exercicio acuático sobre o equilibrio estático e dinámico en xestantes. 

A xestión da responsabilidade social nos deportistas de alto nivel, no póster defendido por Javier Abuín Presas, e a relación entre a práctica da actividade física e os hábitos tecnolóxicos en adolescentes, estudo que Adrián Paramés desenvolve baixo a dirección de Marián Fernández Villarino son outras das investigación representadas nunhas xornadas nas que Thomas Apostolou presentou unha comunicación sobre a busca de estratexias en artes plásticas con baixo nivel de control, mentres que Ángel Casal deu conta da súa investigación sobre os efectos dun programa de brain gym con persoas anciás e Bruno Silva presentou nun póster o seu estudo sobre competencias motoras. Xornadas que, como explica Souto, buscan servir tamén “para que os estudantes dos diferentes programas de doutoramento se coñezan”. 

“O doutoramento é como un proceso moi individual, de estar ti soa traballando na túa casa e ter este tipo de oportunidades é interesante á hora de coñecer o que o resto da xente opina, ver o que fan os demais e formar un pouco de rede de investigación”, sinala nese senso Rebeca López-Villar, alumna de doutoramento de Belas Artes, quen presentaba no seu póster os principais capítulos da que será a súa tese, que afonda, ao igual que fixera previamente nos seus traballos de fin de grao e mestrado, na representación da figura da bruxa. Ao seu carón, Andrea Domínguez dá conta dunha liña de investigación centrada na análise de como se transmite e se representa un tipo de violencia “máis oculta menos visceral”, abordada desde a óptica da defensa dos animais e da contorna. “Estou analizando distintos artistas que traballan con estas claves”, salienta esta alumna, quen recoñece tamén o interesante de “poñer en común” o traballo con outros investigadores e investigadoras e que “teñamos outras visións externas”, así como a posibilidade de coñecer traballos “que igual teñen cousas en común, aínda que sexan de diferentes ámbitos”.