DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco estudantes presentaron este venres os seus TFG

Alumnado de Enxeñaría Aeroespacial defende os primeiros traballos fin de grao do centro

Abordan desde a medición de deformacións de fuselaxes ata o deseño dun drone para explorar Titán

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/06/2020

Este curso académico remata a súa formación no campus de Ourense a primeira promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo. Camiñando cara este fito, este venres cinco estudantes de cuarto e último curso desta titulación defenderon, de xeito telemático debido á covid-19, os seus traballos fin de grao (TFG), os primeiros deste centro. Neles as e os alumnos afondaron en temáticas diversas que abranguen desde a medición de deformacións de fuselaxes de aeronaves ata o deseño conceptual dun drone para explorar Titán.

Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, salientou trala presentación dos traballos a satisfacción do centro por “conseguir que no plan previsto algúns estudantes acadasen rematar a carreira sen ningunha demora”, lembrando como “estes alumnos defenderon os seus traballos fin de grao na primeira oportunidade que tiveron”, tras aprobar as últimas materias este mes de xuño. En xullo, indicou,continuará a presentación de TFGs por parte desta primeira promoción. O director da escola quixo subliñar a calidade do expediente académico destes cinco estudantes e como a partir de agora “estes alumnos teñen o camiño aberto para o seu desenvolvemento profesional, dentro da industria, ampliando estudos, etc”. Arno Formella destacou asemade como este alumnado conseguiu rematar os seus estudos na primeira oportunidade que tivo a pesar da pandemia, apuntando como “o luns despois do peche do edificio, na escola xa traballábamos en remoto, cunha ferramenta de teledocencia, e logo xa cambiamos ao Campus Remoto da Universidade”. 

Diferentes disciplinas e temáticas

Sobre os traballos presentados, o director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo salientou como destacan pola súa grande interdisciplinariedade, xa que tratan “unha ampla diversidade de temáticas” froito, apuntou, de que “o profesorado da escola é de diferentes departamentos e áreas”. Tamén subliñou como ademais de traballos cun cariz máis investigador hai traballos xurdidos das prácticas de alumnado en empresas do sector. 

O primeiro dos traballos fin de grao presentados foi o de Medición de deformacións de fuselaxes de aeronaves empregando sistemas de escaneado 3D embarcados en UAV, do estudante Enrique Aldao e dirixido polo profesor Higinio González. Neste TFG o alumno desenvolveu “metodoloxías para a inspección dimensional de fuselaxe de aeronaves mediante UAVs, sistemas fotogramétricos e láser escáner, que permiten o fácil acceso a calquera punto da aeronave e evitan o uso de operarios en altura, andamios ou grúas, incrementando a produtividade e seguridade". Seguiulle un TFG realizado por Uxía García e dirixido por Elena Martín de mellora da eficiencia do fluxo no interior de autoclaves de tratamento de pezas de material composto do sector aeronáutico. O traballo, realizado en colaboración con persoal da empresa COASA onde a alumna realizou prácticas, “permitiu propor melloras no proceso de curado mediante a instalación de novos elementos que guían o fluido no interior do autoclave e analizar o efecto que ten a disposición da carga no interior do autoclave sobre o curado”.

Alexandre Pazos defendeu pola súa banda o TFG Proxecto Eneas: deseño conceptual dun aerostato para o estudo atmosférico de Venus, dirixido por Carlos Ulloa e Fermín Navarro. O deseño deste “dirixible desplegable tras a súa reentrada no planeta veciño" está deseñado, explicouse na súa presentación, “tras unha extensa análise multidisciplinar.” Tamén se presentou este venres o Proxecto Argonaut, de deseño conceptual dun drone para a exploración de Titán, TFG feito polo estudante David Pérez e dirixido tamén polos profesores Carlos Ulloa e Fermín Navarro. Neste caso, salientouse na presentación como “o resultado é un á volante con capacidade VTOL, que se deseñou para optimizar a súa eficiencia aerodinámica.” Por último, defendeuse o traballo fin de grao Deseño de útiles flexibles de mecanizado de pezas metálicas para programas de baixa cadencia, do estudante Miguel Rodríguez e dirixido por Carlos Campos. O seu TFG, indicouse na súa explicación, centrouse "nos útiles para a producción de pezas do motor da aeronave de Airbus C295, aínda que o seu desenvolvemento poderá utilizarse en múltiples partes da aeronave" e foi feito en colaboración con persoal da empresa Utingal na que realizou as prácticas.