DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once estudantes da facultade colaboraron este domingo coa proba deportiva

O alumnado de Fisioterapia pon en práctica os seus coñecementos no Medio Maratón Cidade de Pontevedra

Prestaron a asistencia a máis de 60 participantes na proba

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/10/2019

Con máis de 1500 corredores e corredoras inscritos, o Medio Maratón Cidade de Pontevedra, celebrado este domingo, contou un ano máis coa colaboración das unidades da Facultade de Fisioterapia. Once alumnos e alumnas deste centro do campus pontevedrés colaboraron co evento deportivo na unidade instalada no Pavillón Universitario, onde antes e despois da proba prestaron asistencia a máis de 60 participantes nesta carreira popular. Dirixidas a achegar ao alumnado dos últimos cursos da titulación a unha experiencia de tratamento real con pacientes, a unidade “contou principalmente con alumnado de terceiro curso, que vivía a súa primeira experiencia” nesta actividade, como salienta a coordinadora destas unidades, a profesora Yoana González. O titulado Sergio Lamas, que na súa etapa como alumno da facultade formou parte destas unidades de voluntariado, exerceu nesta ocasión como coordinador deste grupo de estudantes “que tivo que atender principalmente sobrecargas musculares, aínda que tamén algunha picada muscular e unha escordadura de nocello”, apunta González. 

Ademais de contribuír a que o alumnado poida enfrontarse a casos reais baixo a supervisión dun docente ou egresado, estas unidades contribúen tamén a que as e os estudantes “perdan o medo a traballar con pacientes e gañen seguridade”, engade González. No presente curso as unidades da facultade estiveron tamén presentes no Desafío Illas Cíes, proba coa que colaboraron o pasado 22 de setembro seis estudantes. Nas próximas semanas, Fisioterapia colaborará tamén nunha nova edición do Concurso de Patrullas Tui-Santiago, que promove a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) Galicia VII, prestando asistencia na súa sede en Figueirido aos e ás participantes nesta proba.