DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra está exposta na entrada do Edificio de Ferro

Alumnado de Traballo Social crea un mural contra a violencia machista

No marco das actividades levadas a cabo esta semana co gallo do 25N

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/11/2019

Co gallo da reivindicación un 25 de novembro máis da loita contra a violencia de xénero, o campus de Ourense acolleu esta semana diversas accións. Entre elas estivo a elaboración por parte de alumnado do Grao en Traballo Social, da Facultade de Ciencias da Educación, dun mural con técnicas de graffiti no que destacan a fortaleza desta loita. A obra xa está instalada na entrada do Edificio de Ferro para que poida ser vista pola comunidade universitaria e as persoas interesadas.  

A iniciativa, explica Francisco Aguiar, coordinador do Grao de Traballo Social, xurdiu da colaboración co Colexio de Traballo Social de Galicia, que desenvolveu esta mesma acción anteriormente na cidade de Santiago de Compostela. “Esta é unha colaboración para reivindicar a situación de violencia contra as mulleres. O Grao de Traballo Social está moi comprometido na loita contra todo tipo de violencias e en concreto cremos que é moi importante traballar para eliminar todo tipo de machismo e avanzar na igualdade entre homes e mulleres”, comenta o profesor do campus de Ourense.

A arte como ferramenta de intervención social

O alumnado participante no graffiti, principalmente de primeiro curso, traballou previamente na aula a mensaxe que quería transmitir e como facelo de xeito visual, elaborando un bocexo. Posteriormente, co apoio de dous profesionais deste eido de Vella Escola pintaron durante unha mañá o mural sobre unha táboa de 2x4 metros. Na elaboración da peza, apunta Francisco Aguiar, o alumnado estivo moi motivado e implicado, a pesar de non ter empregado anteriormente esta técnica de pintura. “É moi importante que nas carreiras de intervención social, como neste caso Traballo Social, nos acheguemos a outras maneiras de expresión. A arte pode ser unha ferramenta tamén para a acción social, para intervir nas comunidades dunha maneira moi interesante”, comenta Francisco Aguiar.  

Froito do traballo realizado ao longo da semana xurdiu “unha obra colectiva” que recolle o compromiso deste grao na loita contra o machismo, representando no mural unha muller que a través da súa forma de árbore simboliza “a súa fortaleza e a fortaleza da loita pola igualdade” e que contén diversos símbolos feministas. A obra xa foi trasladada ao que será o seu emprazamento definitivo, na entrada do Edificio de Ferro.