DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso 18-19 participaron nestes programas preto de 700 estudantes

O alumnado xa pode solicitar as bolsas de mobilidade internacional para o curso que vén

Este luns arrancaron as charlas informativas da ORI na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 02/12/2019

O alumnado da Universidade de Vigo que estea pensando en realizar o curso que vén unha estadía internacional ten xa aberto o prazo de solicitude para inscribirse nos diferentes programas de mobilidade internacional (Erasmus + Estudos, bolsas propias, ISEP, GE4...). Coincidindo coa publicación destas convocatorias a Oficina de Relacións Internacionais iniciou este luns na Facultade de Filoloxía e Tradución unha serie de charlas informativas nas que se informará a todo o alumnado interesado sobre as diferentes opcións que teñen ao seu dispor e os pasos que deben seguir dependendo da opción que elixan.

Novas convocatorias de mobilidade extracomunitaria

“As bolsas Erasmus+ Estudos, ás máis numerosas, mantéñense igual ca outros anos”, explicou Amelia Rodríguez, directora técnica da ORI, quen tamén salientou que, ao igual que o curso pasado, no caso de intercmbios con Reino Unido estas bolsas sairán cun asterisco, é dicir, “de momento non podemos garantirlle que teñan dotación económica Erasmus”. Durante a charla a responsable da ORI informou tamén de que por primeira vez se publicaron bolsas do programa Erasmus + KA107, unha convocatoria con países extracomunitarios aberta maioritariamente a estudantes de doutoramento, “pero que tamén ten algunhas prazas para o alumnado de grao da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía con Chile e que son bolsas que están moi ben dotadas economicamente”.

Respecto ao programa GE4 (Global Education: Exchanges for Engineers and Entrepreneurs), que ten como obxectivo promover os intercambios de excelencia de estudantes e docentes no ámbito da enxeñaría, a responsable da ORI fixo fincapé en que “estas axudas abren a porta a diferentes institucións extracomunitarias coas que a UVigo aínda non ten convenio e que resultan destino de interese para estudantes como poden ser os de Enxeñaría Aeroespacial”.

Programa ISEP, “o gran descoñecido”

Con convocatoria aberta de solicitude ata o vindeiro día 12, Amelia Rodríguez referiuse ao programa ISEP  (International Student Exchange Programme) como “o gran descoñecido”, algo que lamentou, dado que segundo explicou, é un programa “realmente interesante” para alguén que queira cursar un ano en Estados Unidos. “Aínda que nós non damos axuda económica ao estudante que marcha, senón que é el o que ten que aboar unha cantidade á UVigo, logo a universidade americana págalle o aloxamento e a manutención durante a súa estancia, ademais de non pagar as taxas académicas en Estados Unidos con todo o que iso conleva”, explicou Rodríguez.

O curso pasado participaron nos programas de mobilidade internacional 679 estudantes

O curso pasado participaron nos programas de mobilidade internacional 679 estudantes da Universidade de Vigo -297 homes e 382 mulleres-. Como é habitual o programa máis numeroso foi o Erasmus+ Estudos, no que participaron 551 estudantes: 282 procedentes do campus de Vigo, 143 de Ourense e 126 de Pontevedra. As preferencias por país de destino foron Italia, Portugal e Polonia, quedando Alemaña en 4º lugar de destino.
46 estudantes realizaron estadías en países extracomunitarios con bolsas propias da Universidade de Vigo, destacando como países preferentes Brasil, México e Chile e, no marco do programa ISEP, 15 estudantes cursaron estudos en universidades norteamericanas. Ademais, 35 estudantes acolléronse ao programa de prácticas Erasmus; 15 ao programa de bolsas Iberoamérica para estudantes de grao; 14 ao programa de libre mobilidade; 2 ao programa GE4 e unha alumna realizou unha estadía en Arxentina co programa de bolsas Iberoamérica Investigación.

Charlas informativas nos tres campus

As charlas informativas continuarán mañá martes no salón de actos da EU de Estudos Empresariais; o luns 9 na Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, e o martes 10 na Facultade de Dereito de Ourense. O horario das mesmas será en todos os casos ás 13.00 horas.