DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O calendario de 2019 ten un deseño concibido para a súa distribución por redes sociais

A ANL aposta polo formato audiovisual na súa nova campaña de promoción do galego

Trátase de “axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/01/2019

Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua. Este é o lema elixido pola Área de Normalización Lingüística para a campaña de promoción do galego do ano 2019, campaña que este ano fai unha forte aposta polo formato audiovisual, acompañando cada un dos meses por unha peza audiovisual especialmente deseñada e producida para o calendario da ANL.

“O formato audiovisual supón un paso adiante, na medida en que constitúe un deseño concibido para a súa distribución polas redes sociais”, explica Fernando Ramallo, director da área, que fai fincapé en que a idea é contribuír a visualizar un relato máis realista da situación do galego, dos prexuízos e das potencialidades que a lingua ten na sociedade, singularizado na universidade como espazo clave de creación dalgunhas das oportunidades necesarias para superar a situación actual. “Nese sentido, a creatividade do audiovisual, coa súa dramatización, permite fortalecer contidos centrais que nos axuden a comprender mellor a realidade sociolingüística”, recalca Ramallo.

A campaña pretende, dunha banda, tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis “naturalizados” na sociedade, de tal xeito que non adoitan entenderse como tales, como que hai linguas máis útiles ca outras, ou que o galego só vale para a comunicación informal. “Doutra banda, queremos axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua, como o suxeito neofalante ou o potencial do galego no dominio da lusofonía”, explica o director da área.

O humor segue estando moi presente no calendario 

Este ano encargouse do deseño e da produción de todo o material, almanaque e vídeos o estudo vigués Desoños, que contou, entre outras, coa colaboración de alumnado formado na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Seguindo a estela doutros anos, nos que asinaban as viñetas recoñecidos humoristas gráficos galegos -Luis Davila no 2017 e Kiko da Silva en 2018-, o humor segue estando moi presente no calendario. “Non renunciamos ao humor; de feito, o papel da jocker é crucial para canalizar esa perspectiva; con todo, quixemos tamén tocar esa realidade dende unha panorámica, se cadra, máis natural, mobilizando unha argumentación promotora do galego na universidade”, apunta Ramallo, ao que engade que o enfoque da realidade sociolingüística dende o humor ten moitas posibilidades “na medida en que permite tratar imaxinarios sociais, estereotipos e prexuízos a partir de tópicos ben espallados socialmente”.

Un lema co que pór en valor o uso do galego na contorna universitaria
Co lema elixido este ano, Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua, a ANL busca pór en valor o uso do galego na contorna universitaria. “En tanto que lingua oficial da universidade, non debe ter limitacións formais ou funcionais, aínda que a realidade non é tan favorable. Por iso queremos contribuír á súa expansión en toda a comunidade universitaria e nas diversas actividades de estudantes, persoal de administración e servizos e profesorado”, recalca Ramallo, que lembra tamén que a universidade é unha institución central na protección e na promoción do galego en tanto lingua minorizada que ten comprometido o seu futuro.

2000 exemplares a repartir en todos os centros

Xunto aos novos contidos audiovisuais a ANL mantén tamén o formato de calendario de parede no que cada páxina é un mes de 2019. En total editáronse 2000 exemplares que están a ser repartidos en todos os centros. Ademais, o calendario tamén se pode descargar do sitio web da Área de Normalización Lingüística. “En canto aos vídeos, cada mes divulgarase un  a través do código QR e do enlace web que se atopa en cada folla do almanaque”, recalca Ramallo.