DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Na universidade onde queiras pero coa lingua’ pode consultarse en liña ou en papel

A ANL publica un novo manual co que resolver centos de dúbidas sobre o uso do galego

O libro traballa aspectos aínda non tratados e repasa, con múltiples exemplos, os erros máis habitua

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 20/12/2019

Estranxeirismos innecesarios, topónimos e xentilicios foráneos, dúbidas coa acentuación, verbos con alternancia vocálica, vaivéns co xénero, trabas co número... A Área de Normalización Lingüística acaba de publicar un novo manual con recomendacións e solucións a dúbidas recorrentes sobre o uso da lingua, unha obra na que traballan algúns aspectos non tratados nos dous volumes anteriores –publicados en 2013 e 2015- e na que se repasan outros erros recorrentes dos escritos revisados día a día na ANL. “Unha vez máis achegamos pautas con exemplos para que a comunidade universitaria poida desenvolverse de maneira correcta en galego e mellorar a calidade do idioma falado e escrito”, explican no limiar do libro as súas autoras, Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, técnicas superiores da ANL.

Ducias de estranxeirismos coas súas equivalencias en galego

Neste terceiro manual, Na universidade onde queiras pero coa lingua, séguese afondando en cuestións ortográficas, fonéticas, morfolóxicas e léxicas, á vez que ofrecen diferentes listaxes prácticas, entre elas de estranxeirismos. “Na actualidade, debido aos medios de comunicación, o traslado de palabras a outras linguas é moi numeroso, sobre todo do inglés”, explican as autoras na obra, ao que engaden que a incorporación dos estranxeirismos non sempre responde á necesidade de nomear unha nova entidade, senón que substitúen palabras existentes. 

‘Abstract’ no canto de resumo, ‘app’ de aplicación, ‘spam’ por correo lixo, ‘smart city’ no canto de cidade intelixente, ‘bullying’ por acoso escolar, ‘business class’ por clase preferente, ‘boom’ por éxito ou auxe... Estes son só algúns dos múltiples exemplos que se inclúen na obra. “A maioría das veces son innecesarios porque a lingua galega xa posúe un termo para designar ese obxecto ou concepto”, recalcan as autoras.

Topónimos e xentilicios dos países e cidades máis importantes

No tocante aos nomes de países, nacións, rexións, estados, capitais e cidades máis importantes, a obra formula dúas solucións: adaptar os topónimos cunha forma consolidada en lingua galega, no caso dos referidos a unha realidade de nova creación ou os que presentan un alfabeto distinto ao galego, e conservar na lingua orixinal aqueles que teñen un uso menor. A listaxe inclúe o topónimo e, ao seu carón, o xentilicio ou xentilicios que deben empregarse. 
Acerbaixán: acerbaixano, acerbaixana; Bagdad: bagdadí; Chipre: chipriota; Güiana Francesa: güianés, güianesa; Manila: manilense; Perpiñán: perpiñanés, perpiñanesa… Son só algún dos exemplos dos múltiples incluídos na obra e, como todos os contidos do libro, poden consultarse en liña na páxina web do servizo.

A resposta a miles de dúbidas en sete capítulos

En total, o libro divídese en sete capítulos. O primeiro está dedicado ás denominadas ‘Urxencias ortográficas’ e nel trátanse desde diferentes dúbidas relacionadas coa acentuación, ata as contraccións coas preposicións ou casos especiais de pronunciación. O segundo céntrase nas cuestións morfolóxicas, incluíndo algúns usos especiais do posesivo, os verbos con alternancia vocálica, o bo uso das preposicións ou unha listaxe de palabras que a miúdo se escriben de xeito incorrecto por non saber se van xuntas ou separadas (apenas, acotío, amodo, devagar, a parte, ao redor, no entanto...).

O terceiro capítulo son observacións sobre o léxico e nel inclúen parellas e tríades de palabras nas que acostuman producirse erros, caso por exemplo de achegar (contribuír)/aportar (chegar a porto) ou almorzo (primeira comida do día)/xantar (comida do mediodía). O cuarto capítulo é o que se centra nos estranxeirismos; o quinto está dedicado aos topónimos e o sexto céntrase nas siglas e acrónimos máis habituais, lembrando que nas siglas escríbense todas as letras en maiúsculas e nos acrónimos só a letra inicial, independentemente de como figuren nos logotipos.

O último capítulo achega numerosos exemplos de documentos institucionais, incluíndo indicacións de tempo e lugar.