DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo ‘Docs del Mes’ retorna o luns ao Teatro Principal con ‘Los testigos de Putin’

A aposta da Vicerreitoría polo cinema documental continúa en 2020 

Proxectaranse dez filmes entre xaneiro e decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/01/2020

Cunha longametraxe que relata o ascenso ao poder do presidente de Rusia, Vladimir Putin, retorna este luns ao Teatro Principal o ciclo Docs del Mes, a programación de cinema documental que, coa colaboración do Concello, a Vicerreitoría do campus impulsa na cidade desde 2018. Coordinado pola compañía Parallel 40, o ciclo programa cada mes en máis de 70 cidades a proxeccións “de documentais internacionais, que abordan temáticas moi diferentes, a maioría deles recoñecidos con diversos premios”, como lembra o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho. “Trátase dunha actividade que está a ter unha resposta moi positiva”, engade Morquecho respecto dunha programación que, ao longo de 2020, achegará á cidade dez novos documentais, en proxeccións en versión orixinal con subtítulos en castelán e con entrada libre.

O vindeiro luns, ás 20.30 horas, Docs del Mes levará ao Teatro Principal Los testigos de Putin, un documental no que Vitaly Mansky relata o ascenso ao poder do presidente ruso,  a través dun filme no que reúne tanto os testemuños do que fora secretario xeral da Unión Soviética, Mijáil Gorbachov, do ex-presidente Boris Yeltsin ou do propio Putin, como con imaxes do propio arquivo persoal do cineasta.

Dos Balcáns a El Salvador

O luns 17 de febreiro, o ciclo continuará con Chris el suizo, o documental no que a directora Anja Kofmel aborda a morte do seu primo, o xornalista Christian Wütemberg, na guerra dos Balcáns. Premiada en diferentes festivais, o documental busca reconstruír os últimos meses de vida de Wütemberg, atopado morto en Croacia en 1992 despois de que entrase a formar parte dun grupo paramilitar. O 16 de marzo proxectarase Cachada, un documental no que Marlén Viñayo presenta a historia de cinco vendedoras ambulantes de El Salvador que deciden fundar unha pequena compañía e crear unha obra na que relatan as súas experiencias vitais. Xa en abril, o mércores 22, poderá verse Honeyland, de Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska, un filme que, entre outros recoñecementos, foi precandidata aos Óscar á mellor película estranxeira. O documental narra a historia de Hatidze Muratova, que se dedica a criar colonias de abellas nunha remota rexión montañosa dos Balcáns e os cambios que para a súa forma de vida supuxo a chegada á zona dunha familia nómade.

Cono novos filmes, aínda pendentes de concretar, o ciclo continuará no Teatro Principal o 11 de maio e o 15 de xuño. Tralo verán, as proxeccións retomaranse en setembro, con catro novas sesións previstas ata decembro.