DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total repartiranse 2400 euros entre os traballos seleccionados en ambas categorías

A Área de Normalización Lingüística lanza os Premios de ensaio e banda deseñada en galego

O prazo de admisión de orixinais pechará o 30 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI 03/07/2020

Un novo escaparate para a creatividade literaria en lingua galega. A Área de Normalización Lingüística acaba de lanzar unha proposta de premios nas modalidades de ensaio e banda deseñada, na procura da calidade linguïstica da comunidade universitaria. Esta nova proposta, que se realiza ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega, permitirá, como explica o director da ANL, Fernando Ramallo, “estender a promoción creativa e discursiva do idioma a novos xéneros, como son o ensaio e a banda deseñada. Deste xeito queremos abrir novas posibilidades de participar a persoas que se sintan interesadas nestas dúas modalidades”. 

Esta será a primeira vez que a Universidade de Vigo convoca estas modalidades de premios para promover o galego, que completan a convocatoria de poesía, relato curto e tradución literaria, “que teñen xa unha longa experiencia e contan, ano tras ano, cunha notoria participación da comunidade universitaria”. 

Condicións de participación

O certame está aberto a toda a comunidade universitaria, coa excepción do profesorado de Belas Artes que non poderá participar na modalidade de banda deseñada. “Agardamos unha resposta entusiasta entre aquelas persoas ligadas á UVigo con interese na reflexión crítica orixinal ou na produción artística ilustrada e narrada. Gustaríanos moito poder gozar da lectura, tanto de ensaios abertos a calquera temática como de arte secuencial na que o galego sexa unha peza imprescindible”, engade Ramallo.

Os orixinais, que poden presentarse ata o 30 de setembro, deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). Os traballos deberán ser inéditos e non premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou estean pendentes de valoración doutro premio.

Na modalidade de ensaio o tema será libre, cun mínimo de 2000 palabras e un máximo de 3000, e valorarase a reflexión e as achegas propias sustentadas na claridade e no rigor expositivo. Non se considerarán os artigos científicos nin os estados da cuestión sobre unha temática determinada. 

Na modalidade de banda deseñada as obras non poden estar publicadas total ou parcialmente en páxinas web ou redes sociais, libros electrónicos, revistas etc. Cada traballo presentado poderá ser escrito e debuxado por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante). Non se aceptarán obras mudas, ou aquelas nas que o uso de texto sexa marxinal, nin páxinas orixinais. Admítense traballos en branco e negro ou en cor cunha extensión mínima de seis páxinas e máxima de 15, numeradas e con técnica libre. 

2400 euros en premios

Establécese un primeiro premio de 700 € e dous accésits de 250 € para cada unha das modalidades, ensaio e banda deseñada, que se lles outorgarán aos mellores traballos orixinais. Ademais, os traballos premiados serán publicados no Servizo de Publicacións da UVigo, que permitirá, segundo Ramallo, “unha excelente distribución entre toda a comunidades universitaria, mais tamén en bibliotecas e librarías de Galicia e do resto do estado a través do portal Unebook da Unión de Editoriais Universitarias (UNE)”.

O xurado, presidido polo reitor ou persoa en quen delegue, estará integrado por persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos do ensaio e mais da banda deseñada. As propostas valoradas como merecedoras de premio de ensaio someteranse a un control antiplaxio previamente á resolución final. Para tal fin, solicitaráselles aos autores/as cuxas propostas sexan mellor valoradas o envío dunha copia electrónica do seu traballo.