DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na II Reunión de Servizos de Avaliación Científica, celebrada en Córdoba

A Área de Servizos Bibliométricos, pioneira en España, amosa a súa traxectoria nun encontro estatal

Debateron sobre a medición da produtividade investigadora

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 05/02/2019

Ademais da misión visible de produción e difusión científica, as universidades tamén se ocupan da medición desta actividade científica. Esta autoavaliación que realizan as institucións académicas require dun sistema de indicadores e ferramentas bibliométricas, que na Universidade de Vigo desenvolve a Área de Servizos Bibliométricos, creada en 2017 dentro da Biblioteca Universitaria de Vigo. O traballo que realizan estas unidades é de especial relevancia á hora de tomar decisións estratéxicas referentes ás políticas de I+D+i, localizar as súas debilidades e fortalezas e definir as políticas científicas que perseguen acadar posicións competitivas no sistema europeo de I+D.

Para debater sobre este escenario, a cidade de Córdoba acolleu a II Reunión de Servicios de Evaluación Científica de las Universidades Españolas, un evento que se celebra por segundo ano consecutivo para tratar de compartir experiencias e coñecer prácticas de éxito para mellorar os seus sistemas de medida. A Universidade de Vigo foi unha das convidadas para amosar a súa traxectoria, xa que como explica Ana B. Martínez Piñeiro, responsable deste servizo na UVigo, “esta é unha área de traballo moi novidosa, na que a maioría das universidades españolas aínda están comezando a traballar”. Martínez Piñeiro participou na mesa redonda final para explicar o nacemento e funcionamento da área, que “consiste na elaboración de estudos e informes para a avaliación da produción científica do PDI”. Xunto con ela, nesta xuntanza participaron expertos en avaliación científica e tamén persoas interesadas na posta en marcha destes servizos, “nos que a Universidade de Vigo ten moito que achegar porque se adiantou a outras universidades”, destaca. En total, un cento de xestores e avaliadores da I+D das universidades españolas participaron nesta cita, que na súa edición de 2020 terá lugar na Universidad Complutense de Madrid.

Unha posta en común para avanzar

O encontro comezou cunha conferencia a cargo de José Manuel Pingarrón, secretario xeral de Universidades, que centrou a súa intervención no novo sexenio de transferencia e a súa relevancia para dar pulo á transferencia da investigación científica á sociedade. A continuación, Soledad Rubio Bravo, da Dirección de Evaluación y Acreditación da Agencia Andaluza del Conocimiento, explicou o funcionamento da DEVA e os indicadores que consideran máis relevantes para valorar as publicacións científicas dos investigadores andaluces. Ao longo da xornada sucedéronse tamén unha serie de intervencións técnicas, como a de David Minguillo (KTH de Suecia), Julio Alonso Arévalo (Universidad de Salamanca), Nicolás Robinson (Delft Institute of Applied Mathematics) e Daniel Torres (Universidad de Granada). Xa na segunda xornada foron os representantes das unidades de bibliometría do CSIC e das universidades de Córdoba, Almería e Vigo os encargados de dar a coñecer como naceron e funcionan estes servizos. Ana B. Martínez Piñeiro explicou que a Universidade de Vigo creo a Área de Servizos Bibliométricos en 2017 dentro da Biblioteca Universitaria, “para realizar un seguimento das publicacións científicas dos membros da institución, elaborar informes bibliométricos e asesorar ao PDI en materia de publicación científica”. Dende a páxina web da biblioteca dáse a coñecer a actividade desta área, que ademais de elaborar informes bibliométricos, colabora cos servizos de apoio á investigación e publica un boletín de información bibliométrica, Impacto.

Tras esta xuntanza, a Universidade de Vigo participará tamén no grupo de traballo de bibliometría das universidades de Portugal, que terá lugar a finais de febreiro, ao que asistirá tamén o catedrático Domingo Docampo, experto en ránkings universitarios e indicadores para a avaliación da ciencia.