DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes e mércores nas instalacións do Ifevi e o 29 e 30 de outubro en Exponor (Porto)

Arranca a Finde.U con máis de medio milleiro de participantes

As persoas interesadas en achegarse poden inscribirse nas propias instalacións da feira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 22/10/2019

Máis de medio milleiro de persoas inscritas e medio cento de empresas participantes. Estas son as cifras coas que este martes arrancou nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo, Ifevi, a 4º edición da Feira Internacional de Emprego Universitario Finde.U, un evento aberto á participación de todo o alumnado e exalumnado das máis variadas áreas de formación e co que se pretende facilitarlles a busca e selección das empresas e organizacións que máis se adecúen ás súas perspectivas de traballo e interese profesionais, así como darlles a coñecer as competencias máis valoradas na actualidade polas entidades empregadoras. A cita prolongarase en Vigo ata mañá mércores e trasladarase a vindeira semana –días 29 e 30- ás instalacións de Exponor (Porto).

“Arrancar con máis de 500 alumnas e alumnos xa inscritos é unha cifra máis que positiva”, explicaba intres despois da apertura da feira a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, quen se amosou tremendamente satisfeita da resposta que este evento ten entre o alumnado. “Hai que ter en conta que nesta época os estudantes están tremendamente ocupados e, aínda que lles facilitamos o desprazamento en autobús, dábanos un pouco de medo que non se animasen a vir”, recalcou a vicerreitora, insistindo na idea de que a maior parte dos participantes agardan ao último momento para inscribirse. “Neste sentido, penso que moitos se achegarán sen sequera inscribirse ou, simplemente, farano ao chegar aquí ás instalacións da feira”, salientou Caparrini, quen avanzou que por diante quedan dous días de múltiples actividades de orientación laboral, actividades que correrán a cargo tanto das empresas (Grupo Hotusa, Torres y Carrera Consultores de comunicación, Cafés Las Candelas, Nortempo...) como das propias institucións (Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, Universidade de Vigo, IESIDE Business School, etc).

Máis de medio cento de empresas na busca de talento universitario

“As empresas que están son firmas que contratan universitarios habitualmente e que veñen co firme propósito de atopar talento universitario, de engadir currículos aos seus procesos selectivos”, destacou a vicerreitora, moi contenta tamén coa resposta que as tres universidades que organizan este evento - Vigo, Porto e Tras-os- Montes e Alto Douro- están a atopar entre o tecido empresarial da Eurorrexión. Nesta edición fíxose un especial esforzo en que participasen na feira empresas de todos os sectores, buscando así que calquera estudante teña compañías adaptadas ao seu perfil nas que poder entregar o currículo. “Coas anteriores edicións fomos detectando que a oferta de empresas tecnolóxicas era moi ampla pero que había eivas noutros ámbitos e isto foi algo que intentamos corrixir”, explicou a vicerreitora, quen subliñou a presenza nas instalacións do Ifevi de varias firmas con perfís interesantes tanto para o alumnado do ámbito científico como do xurídico-social e as humanidades.

Máis dun 35% das empresas e entidades participantes fixérono xa en edicións previas e dúas delas, Abanca e Alumnios Cortizo, fano agora tamén en calidade de patrocinadores. No posto de Aluminios Cortizo Manuel Santiago Alonso e Bárbara Sanmartín, do Departamento de Selección, son os encargados de atender as dúbidas e curiosidades de cantos se achegan a pedir información.  “Contámoslle onde estamos, a que nos dedicamos, traemos mostras, catálogos, o libro de obras nas que participamos, que tipos de perfís demandamos habitualmente”, explica Sanmartín, ao que Alonso, responsable de Formación e captación de talento da empresa engade que na anterior edición chegaron a recoller nun só día máis de 80 currículos. “A experiencia que tivemos foi moi positiva, coñecemos moitos perfís relacionados co mundo da enxeñaría, que é o que a priori mellor nos encaixa, pero tamén de outras áreas que nos poden resultar útiles”, explicou Alonso.

Á fronte do posto de Cafés Las Candelas están Alba Gayoso e Irene Rodríguez, do Departamento de Recursos Humanos, que foron tamén as encargadas de impartir a charla Somos Candelas, “unha sesión moi práctica na que tratamos de darlles consellos sobre como afrontar unha entrevista de traballo e na que lles falamos de diferentes aspectos relacionados coa empregabilidade, non só en Candelas, unha empresa familiar galega na que nos gusta captar talento de aquí, senón tamén  a nivel xeral”, explicou Rodríguez, quen subliñou que no seu caso buscan, sobre todo, persoas con dotes comerciais, “pero, sobre todo, que teñan un importante valor humano, que sexan quen de reaccionar e de atopar e buscar solucións”.

“Vimos á busca de prácticas e posibles ofertas de emprego”

Entre o alumnado máis madrugador á hora de achegarse ata o Ifevi estaban un grupo de alumnas do Máster de Comercio Internacional: Laura Marino, Alba Lorenzo e Perla Gándara. “Vimos á busca de prácticas e posibles ofertas de emprego”, explicaba Marino, ao que Lorenzo engadiu que tamén se trata de “ver que oportunidades podemos ter e que perfís son os que máis se demandan”. Un dos postos que máis lle chamou a atención foi o da empresa Adidas, pola ampla gama de oportunidades que ofertan no estranxeiro, “pois o tema da mobilidade é algo que tamén valoramos moito, pois no meu caso, e é só un exemplo, estudiei Tradución e Interpretación”.

Desde a Escola de Enxeñería Industrial chegou un grupo de cuarto curso de Enxeñaría Mecánica: David Amoedo, Marcos López, Ayoub Baatti e Mohamed Moukhlissi. “Vimos sobre todo a investigar, a ver que empresas hai, que tipo de profesionais buscan”, salientou Amoedo. “A nós interésannos as empresas relacionadas co mundo da automoción e da maquinaria”, explicou Moukhlissi, quen admitiu estar “moi interesado nas ofertas que poden chegar dende o grupo PSA Peugeot-Citroën”.

Inauguración e visita de autoridades pola tarde

A inauguración da 4ª edición da Finde.U tivo lugar a primeira hora da tarde e nela contouse coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Corina Porro, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas autoridades tanto españolas como portuguesas. Todos destacaron a importancia dun evento que serve de punto de encontro entre universidades, empresas e institucións.