DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de 19 corredoras e corredores da UVigo

Arranca en Lugo a Liga Galega de Orientación a Pé 2020

O equipo universitario vigués conseguiu dous cuartos e un quinto posto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 10/02/2020

A contorna do monte Segade en Lugo foi o lugar elixido para o arranque da Liga Galega de Orientación a Pé 2020, un evento deportivo que contou coa participación de máis de 400 participantes, que se dividiron en 15 categorías diferentes, tanto masculina como feminina, e que percorreron desde os 2,1 quilómetros ata os 8 quilómetros. Desde a Universidade de Vigo desprazáronse ata alí 19 corredoras e corredores dos que Diego Pérez (masculino 16) e Vicente Pastoriza (masculino 40) acadaron cadanseu cuarto posto, ao que hai que sumar un 5º posto obtido por Isabel Pastoriza (feminino elite).

“O tempo, aínda que chuvioso a primeira hora, acompañou na maior parte da carreira”, explica Ricardo Figueroa, director técnico da sección de Orientación. As saídas comezaron ás 10.30 horas e a partir dese momento as corredoras e corredores tiveron que enfrontarse a un mapa “que sempre se caracterizou pola súa dureza, e que nesta ocasión, a maiores e grazas a un moi bo traballo no deseño de trazados, tamén supuxo un enorme reto en canto ás eleccións de ruta para chegar a cada unha das balizas”, engadiu Figueroa.

Convertida xa nunha das probas máis clásicas do calendario anual os tempos gañadores nas categorías principais estiveron en torno a unha hora de duración.