DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Introdución á perspectiva de xénero e educación afectivo sexual, os máis demandados

Arrancan os cursos en liña de Igualdade con preto de 1300 persoas matriculadas

Dado o elevado interese desta formación, xa se planean novas edicións abertas á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 01/04/2020

1276 persoas da comunidade universitaria participan desde esta semana nos diferentes cursos do itinerario formativo virtual en xénero, sendo a formación xeral de introdución á perspectiva de xénero e a de educación afectivo-sexual as máis demandadas, con 352 e 236 persoas inscritas en cada unha deles. “A formación foi moi ben acollida”, explica a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, que fai fincapé en que esta iniciativa puido saír adiante en tan pouco tempo grazas á colaboración de moitas das expertas en xénero da Universidade de Vigo, algunha persoa externa e o financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A necesidade de formación especializada en xénero da comunidade universitaria foi unha das principais conclusións que reflectiu o estudo Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo presentado no campus de Ourense o pasado 9 de marzo ao abeiro das actividades organizadas con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Para dar resposta a esta demanda deseñouse este itinerario formativo, pero, debido á situación excepcional causada polo brote e expansión da COVID-19 e o consecuente confinamento da poboación, decidiuse adiantar ao propio mes de marzo a posta en marcha dos cursos. “Neste sentido, o noso maior temor é que debido a que fixemos todo nun período de tempo moi curto e con escasos recursos humanos, teñamos erros, non tanto nos contidos, senón a nivel técnico, é dicir, relacionados co funcionamento do espazo virtual que alberga os cursos”, explica a directora da unidade, quen pide “paciencia e comprensión” ás persoas inscritas polos posibles fallos do sistema.

A formación estaba dirixida á comunidade universitaria pero foron numerosas as persoas alleas a ela que amosaron tamén o seu interese en participar, polo que dende a Unidade de Igualdade valoran xa abrir estes cursos ao resto da cidadanía en vindeiras edicións.

“Toma de conciencia respecto á centralidade da saúde sexoafectiva”

O curso con máis inscricións (352) é o básico, xa que desde o comité organizador a recomendación era realizar este en primeiro lugar. A continuación, o máis demandado foi o de Educación afectivo-sexual (236) impartido pola socióloga Carmen Ruiz Repullo, da Universidade de Granada, algo que a directora da Unidade de Igualdade atribúe “ao elevado interese pola formación nesta temática, unha carencia formativa compartida pola sociedade en xeral e que amosa a importancia e a toma de conciencia respecto á centralidade da saúde sexoafectiva na vida das persoas”, así como tamén “ao prestixio da propia docente”.

Completan o cadro de cursos, A perspectiva de xénero na educación, con 188 persoas matriculadas; Economía de xénero, con 185; Acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible, con 163; e A sostenibilidade da vida no centro, con 152.

A crise sanitaria e a necesidade dun novo Contrato Social que revalorice os coidados

“Paréceme que nestes momentos de confinamento colectivo e solidario e tamén de ser conscientes da nosa vulnerabilidade vital, tanto como individuos como tamén como sociedade, creo que o curso fundamental para abordar todos estes cambios sen precedentes que estamos experimentando é o de Sostenibilidade da vida”, subliña Gómez, facendo así referencia a aqueles estudos que dende a economía feminista están sinalando a importancia de colocar a vida no centro e onde todas as actividades do "coidado" teñen un papel fundamental.  “Os coidados nos fogares (comida, casa, limpeza, coidados afectivos...), os coidados ás persoas dependentes (maiores e menores) e os coidados sanitarios (todos eles moi feminizados e tamén moi infravalorados) adquiren agora unha nova dimensión e fannos reformular o paradigma económico ata agora hexemónico”, subliña Gómez.

“Autoras como María Ángeles Durán, Yayo Herrero ou Amaia Pérez Orozco redundan en este tema e a min paréceme que temos que voltear cara as reflexións que nos propoñen as economistas feministas para entender o que está acontecendo, tanto no ámbito persoal e privado, como no sociopolítico e comunitario”, explica a directora da Unidade de Igualdade, quen defende a necesidade de facer un novo Contrato Social que revalorize as actividades de coidados como eixes centrais das sociedades, tanto no ámbito macroeconómico como no microeconómico.