DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da rama de Estudantes do IEEE da Uvigo e a asociación Bicos de Papel

Arrancando un sorriso ás nenas e nenos enfermos de cancro do Hospital Álvaro Cunqueiro

Organizáronse diferentes talleres nos que achegarlles o mundo da electrónica, a robótica e a program

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI 08/01/2020

A rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da Universidade de Vigo xunto coa asociación Bicos de Papel organizaron este Nadal no Hospital Álvaro Cunqueiro unha serie de talleres lúdicos para facerlles máis levadeira a súa estancia hospitalaria ás nenas e nenos enfermos de cancro que tiveron que pasar ingresados estas datas tan sinaladas. “Buscamos que os nenos e nenas pasasen un intre agradable e coñecesen tamén o mundo da electrónica e a robótica”, explicaron os estudantes que se encargaron da organización dos talleres, obradoiros nos que participaron 17 cativos e cativas que recibiron como agasallo cadanseu dinosauro impreso en 3D.

Talleres específicos para cada franxa de idade

En total leváronse a cabo catro talleres dirixidos a introducir estes cativos en ámbitos tan entretidos como a electrónica, a robótica e a programación. Para espertar o interese de todos e que ninguén se aburrise, establecéronse diferentes grupos por rangos de idade. Para os máis pequenos, de arredor de entre dous e sete anos, organizouse o obradoiro Iecubito, dirixido a deseñar e imprimir en 3D unha mascota cuberta con leds co obxectivo de que parecese un robot real co que podían falar e tamén xogar,  de feito xogaron a actividades como ‘Simón di’ e mesmo se animaron a bailar.

Empregando a contorna de programación Scratch, un segundo taller deulle aos cativos a oportunidade de xogar con oito xogos preparados, como Mario Broos, Pong, ou Dinoplato, e de programar eles mesmos o videoxogo Flappy Bird. Ademais ensinóuselles tamén como facer para que puidesen xogar cos seus personaxes favoritos dos Vingadores ou de Disney.

Coa colaboración da rama de Estudantes do IEEE da UNED, cuxo representante Pedro Plaza estivo presente en todos os talleres, as nenas e nenos de entre 10 e 12 anos, participaron no obradoiro Crumble, no que puideron programar o prendido e apagado de distintos leds facendo desde un semáforo ata diferentes tipos de adornos.

Para os xa adolescentes, a Escola de Enxeñería Industrial da UVigo prestou tres MBOTs para que puideran montar e programar o seu propio robot. Explicóuselle o funcionamento e como configuralos en modo ‘segueliñas’, así como a resolver labirintos. Tamén se lles amosou a programalo en modo ‘sumo’ e propúxoselles como reto que lle gañasen a un robot montado pola rama de Estudantes con forma de Angry Bird.