DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A feira terá lugar o mércores 12 de febreiro

Arredor de 120 alumnas e investigadoras do campus e 300 escolares participarán en Exxperimenta en feminino

O seu obxectivo é a divulgación e a visibilización da muller no eido científico e tecnolóxico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/02/2020

O día 12 de febreiro o campus de Ourense volverá a acoller unha nova edición de Exxperimenta en feminino, a III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Nesta feira 120 estudantes e persoal docente e investigador do campus, maioritariamente mulleres, desenvolverán 14 obradoiros prácticos para 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de fomentar nelas e neles a curiosidade científica e os referentes femininos no eido científico e tecnolóxico.

Referentes femininos

A actividade, que conta con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, celébrase co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A súa coordinación corre a cargo das profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Lembrando como esta iniciativa “naceu e se desenvolve desde a base”, as súas coordinadoras indican como as 120 persoas implicadas no desenvolvemento da actividade proceden dos centros do ámbito científico-tecnolóxico do campus de Ourense, como son Ciencias, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría. Entre elas e eles, hai, subliñan, “unha grande implicación non só das investigadoras deste campus senón tamén das alumnas”.

“O que queremos facer non é só divulgación científica pura, queremos que os rapaces e rapazas vexan o papel da muller na ciencia, que vexan que hai moita investigación científica levada a cabo por mulleres en xeral e en particular neste campus e que se normalice a presencia da muller en todos os ámbitos científicos”, comenta Alma Gómez. Así, explica a profesora, a feira pretende que “as nenas vexan que non é estraño unha muller enxeñeira ou unha muller científica e que o poidan considerar selo elas no futuro”. Do mesmo xeito, engade, a iniciativa “tamén quere que os nenos que veñan vexan como natural esa presencia da muller”. Para acadar este obxectivo, engade Julia Carballo, entre as persoas que participarán nos obradoiros “temos moitas alumnas porque queremos que elas, que están moito máis próximas en idade aos escolares asistentes, lles poidan sirvan como modelo ou inspiración, que as escolares se poidan ver reflectidas nelas e pensen eu podo ser coma ela ou eu quero ser coma ela”.  

14 postos divulgativos e máis actividades

Á feira asistirán 300 escolares de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato dos centros Virxe da Saleta, de Cea; Castro de Baronceli, de Verín; Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, e As Lagoas, Universidade Laboral e Divina Pastora da cidade de Ourense. En xornada de mañá e tarde e principalmente na entrada do edificio Politécnico, o público poderá asistir a 14 obradoiros divulgativos dun amplo abano de temáticas. Así, as e os escolares poderán ver microorganismos a través de microscopía, coñecer como se obteñen antioxidantes da biomasa, facer experimentos sobre as propiedades do solo, separar colorantes alimentarios, crear un arco da vella nunha botella ou ver como funcionan os encimas e o clima. Tamén terán a oportunidade ver a orixe dos produtos apícolas, a ciencia que hai na cociña, o azucre dos alimentos e a composición do embutido do bocadillo. Non faltarán tampouco os talleres que permitirán ás e aos asistentes aprender a programar videoxogos con ferramentas sinxelas e coñecer como voa un avión ou como aconteceron as explosións do buque Casón. No eido da saúde e a ciencia, o público poderá coñecer desde cal é o seu grupo sanguíneo ata a importancia de lavar ben as mans.  

Ademais da visita interactiva en pequenos grupos a estes obradoiros ou postos, a xornada contará con dous monólogos divulgativos, a cargo de Andrea Muras e David Ballesteros, e coa entrega dos premios do IV Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se organiza no marco desta iniciativa coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e ao que este ano se presentaron arredor de 300 traballos de escolares.