DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa directiva reuniuse coa vicerreitora do campus

A Asociación de Estudantes do Programa de Maiores dá a coñecer a súa nova etapa

Tamén esta semana realizaron unha visita ás instalacións da TVG

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 06/02/2020

Tras dous anos de inactividade, a Asociación de Estudantes da Aula de Formación Aberta do Campus de Ourense retomou recentemente a súa actividade cun amplo programa de conferencias e visitas que se desenvolverá ao longo de todo o cuadrimestre e ata o mes de maio. Co obxectivo de dar a coñecer este relanzamento e buscar aliados para as súas accións, a nova directiva da entidade reuniuse esta semana con Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense.  

A reunión, á que asistiu tamén Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, contou coa asistencia de todos os membros da directiva da asociación. Durante o encontro, elas e eles explicaron en detalle á vicerreitora o seu proxecto para relanzar a asociación e procurar una presenza activa dentro da Universidade de Vigo.

Entre as accións presentadas pola directiva da asociación tivo un protagonismo especial o programa de conferencias e visitas que están a celebrar e que esta semana os levou a visitar as instalacións da Televisión de Galicia e o Mosteiro de San Martín Pinario en Santiago de Compostela. Na visita á canle de televisión 31 alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense tiveron a oportunidade de ver a gravación en directo dun programa, coñecer espazos de gravación e falar con presentadores e técnicos de diferentes programas, entre outras cuestións.