DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu unha mesa de análise sobre as eleccións xerais do domingo 

O balance do 10-N: polarización e bloques que non varían 

Trátase do único foro académico centrado nesta droga que se celebra en España

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/11/2019

A influencia do sistema electoral nos resultados, os cambios que se produciron nos últimos anos no sistema de partidos e a análise das votacións do pasado domingo nos eixos esquerda-dereita e centro-periferia. Os resultados das eleccións xerais do 10-N foron abordados desde diferentes perspectivas na mesa de análise que promoveron na noite deste xoves a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3, a Vicerreitoría do campus e o Ateneo de Pontevedra. Baixo o título de 10 N: os comicios da saturación, o debate buscou “desvelar as claves, non só das eleccións do domingo, senón do actual ciclo electoral”, como explica o seu moderador, o profesor Álvaro Xosé López Mira.

No coloquio, Fernando Martínez abordou os efectos do sistema electoral nuns comicios nos que non se produciron “case movementos nos eixos esquerda-dereita”, que se manteñen “nun empate técnico”, aínda que cunha “leve maioría na tradución destes votos a escanos” para o bloque progresista, motivada pola “maior implantación no conxunto do territorio do PSOE”. O investigador incidiu en que os socialistas e o PP foron os “grandes beneficiados na tradución de botos a escanos" cunha prima do 6,2% e do 4,3%, respectivamente. As dúas formacións suman, engadiu, o 54% dos escanos co 49% dos votos, motivo polo que “non se pode falar dunha volta ao anterior bipartidismo imperfecto”, cuestión na que tamén afondou o profesor do grao en Dirección e Xestión Pública Bruno González, quen lembrou que estes dous partidos sumaron en 2008 o 83% dos votos. O investigador apuntou ao “constante aumento da fragmentación” que implica o aumento do número de partidos con representación, á vez que sinalou tamén o “constante incremento da polarización”, aludindo tanto ao crecemento de Vox, “directamente relacionado coa súa postura radical sobre a cuestión de Cataluña”, como ao aumento do voto “a partidos soberanistas e independentistas”.

A cuestión territorial

“Analizar como votamos o 10 de novembro” foi o obxectivo da intervención de Paula Lamoso, que subliñou tamén en que, con respecto ás eleccións de abril, “os bloques esquerda-dereita non se moveron”. Pola contra, a repetición electoral implicou que se producise “practicamente a desaparición dun partido teoricamente de centro”, como Ciudadanos, e un “aumento dramático de escanos para a extrema dereita”. Lamoso sinalou tamén aos acontecementos de Cataluña como a principal causa do ascenso de Vox, así como tamén do “grande aumento do a fozas nacionalistas periféricas”. Na cuestión territorial incidiu así mesmo o profesor Tino Cordal, quen subliñou que os resultados do 10-N poñen de relevo “a necesidade de afrontar dita cuestión desde a realidade dos feitos”, xa que, engadiu, “a realidade heteroxénea e plurinacional dos resultados resulta innegable”.