DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este mércores unha xornada centrada na investigación neste eido

A biomasa, unha alternativa para un desenvolvemento máis sostible

Nela abordáronse exemplos do seu aproveitamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 25/09/2019

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da I Xornada de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, organizada polo Grupo EQ2 da Universidade de Vigo, grupo formado por un equipo multidisciplinar cun amplo historial investigador neste eido. Nela púxose en valor o potencial e as posibilidades que presenta o aproveitamento sostible de biomasa vexetal e mariña para a obtención de produtos de interese nos sectores químico, enerxético, cosmético, alimentario e farmacéutico.

Esta iniciativa de divulgación, organizada polos membros do Grupo EQ2 María Dolores Torres, Sandra Rivas e Carlos Vila, nace, segundo explicaron desde a organización, con vocación de continuidade no futuro. A xornada contou coa participación de Andrés Moure, da Universidade de Vigo; Sandra Rivas, da Complutense de Madrid; Noelia Flórez, da Universidade do Algarve, en Portugal; Beatriz Gullón, do Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense, e Carlos Martín, da Universidade de Umeå, en Suecia. Nas súas intervencións expuxeron os estudos realizados por estes investigadores e investigadoras, formados no Grupo EQ2 e que actualmente desenvolven a súa actividade en diferentes centros. A cita pechouse cun recoñecemento á primeira catedrática de universidade de enxeñaría química de Galicia, a profesora María José Núñez.

Cinco visións

A programación arrancou cunha conferencia de Andrés Moure titulada Pode a biomasa salvar o planeta? “Un incremento das necesidades enerxéticas da poboación, por unha banda, e a loita contra o cambio climático, por outra, fan que sexa máis necesario que nunca buscar solucións e novas vías de xeración de enerxía tendo como obxectivo un modelo enerxético máis sostible”, comentou o investigador. Neste contexto, engadiu, “a principal característica da biomasa é o uso da materia orgánica como fonte de enerxía, xa sexa de maneira natural, residual de actividades agrícolas e gandeiras ou de cultivos enerxéticos. Desta maneira por cada litro de petróleo aforrado evítase a emisión de dous quilos de dióxido de carbono”. A biomasa, indicou Moure, “non só ofrece unha alternativa sostible aos combustibles fósiles, senón que tamén é unha fonte de compostos químicos e de novos biomateriais, podendo obterse dela un amplo abano de produtos comerciais”.

Pola súa banda, Noelia Flórez, da Universidade do Algarve, abordou o potencial dos residuos derivados da produción de castaña para aplicacións cosméticas e farmacéuticas tomando como referencia un traballo desenvolvido no marco do Grupo EQ2. “Nos soutos non só dispomos do froito do castiñeiro para consumo en alimentación, tamén están presentes residuos como son a folla, o ourizo e a casca da castaña”, dixo a investigadora, que na súa charla propuxo “unha posible revalorización para un residuo común en Galicia, en concreto en Ourense”. Trala súa intervención, Beatriz Gullón, do Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense, falou do aproveitamento de residuos da industria vitivinícola para a obtención de compostos bioactivos. “A industria vitivinícola xera en todo o mundo grandes cantidades de subprodutos, como o bagazo, cuxa eliminación supón un grave problema ambiental. Con todo, estes residuos representan un potencial económico significativo cuxo aproveitamento implica un gran desafío para este tipo de industria”, apuntou a investigadora. Estes residuos, detallou, “teñen unha composición que os fan interesantes para ser utilizados como fontes de produtos de alto valor engadido utilizando tecnoloxías respectuosas co medio ambiente seguindo o concepto de biorrefinería”.

Para falar de expectativas para o desenvolvemento de refinarías de biomasa sostibles achegouse á xornada Sandra Rivas, da Universidad Complutense de Madrid. “Na procura dun modelo económico sostible, a biorrefinería postúlase como a alternativa renovable á refinaría do petróleo para a produción de combustibles, produtos químicos e materiais a partir de biomasa”, afirmou a investigadora. Por último, Carlos Martín, da Universidade de Umeå, falou da conversión bioquímica de biomasa lignocelulósica no marco de Bio4Energy, “unha iniciativa de investigación estratéxica con apoio do goberno sueco dirixida a desenvolver procesos de biorrefinerías para procesar residuos lignocelulósicos, fundamentalmente de orixe forestal, para a produción de biocombustibles, novos materiais e químicos verdes”.