DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadoras do grupo Remoss coordinaron unha intervención artístico-pedagóxica no hospital de Fer

Un bosque de ‘animamutantes’ transforma unhas urxencias pediátricas

Actualmente traballan no deseño de materiais didácticos para este espazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Saúde
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 02/06/2020

Transformar, a través dunha intervención artístico-pedagóxica, as urxencias pediátricas do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol para xerar nelas unha atmosfera máis amable para os nenos e nenas, pero tamén para contribuír a unha mellor organización dos espazos. Estes dous factores confluíron no proxecto que as investigadoras do grupo Remoss Begoña Paz, Cristina Varela e Itziar Ezquieta levaron a cabo xunto coa asociación socioeducativa e cultural Paspallás neste hospital. A intervención, que contou co financiamento da Fundación Paideia, tivo como punto de partida as demandas e necesidades das e os profesionais do servizo, que foron, de feito, os que suxeriron a idea de empregar o bosque como fío condutor da intervención. Nel preséntanse unha serie de animamutantes, animais creados a partir da combinación das características de diferentes especies, que ademais de buscar captar a atención das e os pacientes desde o acceso ás urxencias, forman parte dos recursos didácticos que completarán o proxecto. 

“Creamos unha idea adaptada aos nenos, que vai ser tamén o motor para elaborar os materiais”, apunta Paz, que explica que estes animais exercen “como o punto de referencia que che leva a máis actividades”. Trátase, como engade Varela, de personaxes como o oso-xabaril-coello ou o rato-ra, “que van a acompañar aos nenos ao longo de todo o espazo”. Estes personaxes servirán tamén para abordar, nos recursos lúdico-didácticos, cuestións como a diversidade, ao ser as urxencias “un espazo onde todos nos sentimos distintos”. Coa participación dun equipo integrado por profesionais do deseño gráfico, a pedagoxía, a ilustración, a arquitectura, a arte e a educación, e coa implicación tamén do persoal sanitario, este proxecto interdisciplinar buscou xerar un “cambio integral” no servizo, abranguendo tanto a ambientación dos espazos como a súa sinalización e mobiliario.

As necesidades de profesionais e usuarios, punto de partida

Ao igual que outras intervencións en servizos hospitalarios realizadas previamente polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o proxecto é froito dun “longo proceso de traballo” que arrincou a finais de 2018 coas primeiras reunións co persoal da Unidade de Urxencias Pediátricas. A partires de aí, explican as directoras artísticas da intervención, levouse a cabo unha diagnose inicial, a través da realización de enquisas aos e ás profesionais, complementadas á súa vez cunha “caixa de suxestións” na que reuniron as achegas de 26 usuarios e usuarias.

Esta diagnose facía énfase na “falta de humanización do espazo e na falta de recursos lúdico-educativos” e levou ao deseño dun proxecto de intervención dirixido a crear unha “atmosfera máis branda, amable, humana e infantil”, que dese resposta ás “necesidades detectadas a nivel relacional, social e emocional, así como de organización e identificación visual”, segundo recolle a memoria do proxecto. “Abrangueu desde o acceso ao servizo a todos os espazos, respectando as cores que o persoal sanitario emprega para a triaxe dos pacientes”, apunta Varela, que explica que á súa vez buscouse que “facilitase tamén o funcionamento do servizo, tanto para os usuarios como para o persoal”.

Un espazo máis acolledor e organizado 

Con estes obxectivos, incorporáronse unha serie de paneis no acceso ao servizo. Os primeiros serven para amosar por primeira vez aos pacientes os diferentes personaxes, mentres que nun segundo corredor, que opera á súa vez como sala de agarda, preséntase xa “o bosque onde habitan os animamutantes”. Xa dentro do propio servizo, a necesidade dunha “maior diferenciación entre as zonas de atención, espera e tratamento, mellorando a súa delimitación” motivou un “cambio a todos os niveis para que o espazo fose máis acolledor e organizado”, engade Paz. Xunto á nova ambientación e mobiliario, que permitiu unha maior diferenciación dos espazos, acometéronse cambios no mostrador de enfermaría, nos box e na sala de extraccións, á vez que se dotou o espazo dunha nova sinalización e de paneis informativos, escritos tamén en braille e con pictogramas. A esta zona incorporáronse ademais xogos, libros ou unha caixa de luz, recursos aos que sumarán os materiais didácticos deseñados.

Trátase, explican, de materiais específicos, con diferentes niveis, co propósito de abranguer as diferentes franxas de idade dun servizo que atende a nenos e nenas de entre cero e 15 anos, e con opcións diferentes para as salas de agarda e de observación. “A nosa proposta de investigación abrangue tamén revisar como funcionan eses materiais”, apunta Paz, que explica que o proxecto completarase cunha fase de avaliación final dirixida a constatar os cambios que a intervención supuxo no servizo.