DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega dunha placa en agradecemento ao labor das súas unidades de voluntariado

A Brilat recoñece a colaboración de Fisioterapia co seu Concurso de Patrullas

O centro colabora coa carreira desde hai máis dunha década

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/03/2020

O Concurso de Patrullas Tui-Santiago, que promove a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) Galicia VII, con sede en Figueirido, tense convertido co paso dos anos nunha das citas fixas para as unidades de voluntariado da Facultade de Fisioterapia, que levan ao alumnado a pór en práctica os seus coñecementos con pacientes reais colaborando con diferentes eventos deportivos. Co propósito de agradecer e recoñecer a colaboración da facultade coa carreira, o capitán da Brilat Rómulo Crespo fixo entrega, en nome do xeneral xefe, Luis Cortés, dunha placa conmemorativa e dunha serie de cartas de agradecemento para o alumnado que colaborou na última edición desta proba, nas que as e os militares deben percorrer a pé os preto de 120 quilómetros que separan Tui de Santiago de Compostela e superar á vez unha serie de probas de resistencia ou destreza.

“Todo o que sexa colaborar con diferentes institucións e dar visibilidade tanto ao noso traballo como a nosa implicación coa sociedade, creo que é algo positivo para a facultade e tamén para a propia universidade”, salientou a decana de Fisioterapia, Eva Lantarón, trala entrega desta placa, na que participou tamén a coordinadora destas unidades, Yoana González.

Máis dunha década de colaboración

Coa excepción “dalgunha edición puntual” no que o feito de que as datas da carreira estean condicionadas polas misións da Brilat impediu a participación do alumnado, a colaboración da facultade co Concurso de Patrullas Tui-Santiago remóntase a máis dunha década, como lembraba González. “Nos últimos anos, participaron uns 20 estudantes”, que baixo a supervisión dun docente ou egresado, prestaron asistencia aos e ás participantes no concurso desde a base da Brilat en Figueirido. Na súa última edición, celebrada o pasado mes de outubro, participaron concretamente seis alumnas e dúas coordinadoras, que, en dúas quendas, prestaron asistencia aos e ás participantes ao longo da noite. Así mesmo, en edicións previas deste evento deportivo a facultade mesmo ten sumado á asistencia na sede de Figueirido, a presenza das unidades tanto na meta en Santiago como no punto de parada que a carreira establece en Padrón.

Ademais de nesta carreira, as unidades de voluntariado da facultade tamén colaboraron no presente curso co Desafío Illas Cíes, o  Campionato Nacional de Taekwondo, a Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple que a asociación Avempo desenvolve en Vigo e co Medio Maratón Cidade de Pontevedra co que, o pasado mes de outubro, colaboraron doce alumnos e alumnas.