DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

calidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
DUVI 24/05/2019

Tres titulacións da Universidade acaban de recibir os Selos Internacionais de Calidade (SIC) que acreditan o cumprimento dos estándares europeos nos seus respectivos ámbitos da enxeñaría. En concreto, o Grao en Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, o Grao en Enxeñaría Forestal da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo. Estas son as primeiras titulacións de grao en enxeñaría informática, forestal e de telecomunicación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en seren recoñecidas con esta distinción. 

A entidade que xestiona e certifica en España este selo SIC é a ANECA, que está acreditada por European Accreditation of Engineering Programmes para estas tarefas. O programa SIC ofrece a posibilidade de obter un selo de recoñecido prestixio en varios ámbitos do coñecemento. Actualmente desenvólvese sobre todo nos ámbitos das titulacións de enxeñaría (selo EUR-ACE) e das de informática (selo EUR-INF). O proceso de avaliación que realiza ANECA vai destinado a verificar que unha titulación que opta a este selo cumpre cos criterios europeos de calidade, máis aló dos establecidos na lexislación nacional, definidos por axencias internacionais de calidade na educación superior e orientados a desenvolver as competencias europeas profesionais en cadanseu ámbito.

Este recoñecemento, ademais, supón un atractivo para futuros estudantes destas titulacións e tamén para os seus egresados/as e empregadores, posto que potencia a mobilidade internacional e tamén a súa empregabilidade.

Neste sentido, as tres escolas subliñan a importancia deste recoñecemento porque atende a “estándares de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior para as enxeñarías”, como destaca Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación.

Criterios para a obtención

O proceso polo que pasaron os tres graos para a obtención deste selo é similar á acreditación dun título a nivel nacional, como o que teñen que pasar todos os títulos cada certo tempo, pero cuns criterios adicionais. Así, entre outras cuestións, téñense en conta os resultados de aprendizaxe definidos no plan de estudos e se os egresados e egresadas do título acadan estes resultados establecidos pola axencia europea de calidade. Estes resultados de aprendizaxe recóllense no listado ENAEE (European Network for Accreditation of Engineering Education) e son comúns para todos os títulos de enxeñaría de Europa. Tamén se valora o soporte institucional del título para o desenvolvemento do programa formativo. 

O proceso tivo unha primeira parte documental, na que os centros tiveron que xustificar a adecuación dos títulos aos resultados de aprendizaxe ENAEE, e outra presencial, na que unha comisión visitou as escolas, mantivo xuntanzas con múltiples colectivos e determinou a obtención do selo de calidade. Agora, tras a certificación desta distinción, no mes de xuño terá lugar un acto en Madrid no que se fará a entrega oficial do selo. 

Un selo diferenciador da calidade dos tres graos

A obtención do selo EUR-ACE para o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación supón para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo “un recoñecemento internacional para a forma na que facemos as cousas, e máis obténdoo sen prescricións xa no primeiro informe provisional”. Por outra banda, destaca que é tamén un orgullo “porque indica que os nosos titulados e tituladas están ao nivel esixido para obter unha certificación de calidade continental, o que tamén distingue o seu título de todos aqueles que non teñen este selo”.

 “O selo non só distingue ao centro, senón que distingue aos nosos egresados, calquera persoa que saia desta escola, faino cunha acreditación europea como enxeñeiro”, salientan Juan Picos e Ángeles Cancela, director e subdirectora da EE Forestal dun recoñecemento que agardan contribúa a “captar máis estudantes” e que pon de relevo unha serie de fortalezas que, “no fondo, supoñen unha diferencia de calidade do  centro, como a adaptación do grao “ao que esixe o mercado de traballo” ou a cooperación “co resto de centros de investigación forestal de Pontevedra”.”

Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, destaca a satisfacción do seu centro por acadar que “o noso Grao en Enxeñaría Informática sexa o primeiro de Galicia en obter este selo de calidade EURO-INF”. Salientando como a obtención desta certificación foi un “proceso esixente que requiriu moito esforzo por parte do profesorado”, o director da ESEI subliña como este selo “dota ao noso grao dun nivel de calidade moito maior e sitúa á nosa escola ao nivel de centros de excelencia”, ademais de “darlle visibilidade en Europa”. Tamén pon o aceno Francisco Javier Rodríguez no feito de que no proceso de avaliación a ESEI obtivo unha cualificación “excelente”, xa que, apunta, o selo “concedéusenos sen ningún tipo de prescrición para os próximos seis anos”.