Clasificatorio para a fase final dos Campionatos de España, celébrase por primeira vez en Galicia
O Campionato Inter Autonómico reúne no campus máis de 400 deportistas de oito universidades
As competicións desenvolvéronse de xeito simultáneo en seis instalacións
Máis de 400 deportistas, procedentes de oito universidades de Galicia, País Vasco, Extremadura, Asturias e Cantabria, reuníronse este martes no campus para participar no Campionato Universitario Inter Autonómico (CUIA), a competición que decide que representantes destas autonomías participarán na fase final dos Campionatos de España Universitarios de deportes colectivos e que, con Pontevedra como sede, desenvolvíase por primeira vez en Galicia. Seis instalacións deportivas da cidade exerceron como sedes das competicións nas que 28 equipos femininos e masculinos de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, voleibol e rugby 7 competían polo pase á fase final dos campionatos universitarios, que terán lugar nos meses de abril e maio na Comunidade Valenciana.
Vigo clasifica seis equipos
Ao torneo acudían os doce equipos gañadores dos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos, celebrados en Lugo a finais de febreiro, e nos que as e os representantes da Universidade de Vigo sumaron sete medallas de ouro, por catro da Universidade da Coruña e un da Universidade de Santiago de Compostela. Destes sete equipos, seis dos e as representantes da Universidade de Vigo obtiveron no CUIA o seu pase ás finais, concretamente os equipos fútbol 11 feminino e masculino, fútbol sala feminino, baloncesto feminino e balonmán feminino e masculino, este último, sen necesidade de competir finalmente, ao non acudir ao torneo o equipo da Universidade do País Vasco, o que lles daba o pase directo á fase final.
Xunto aos preto de 180 deportistas galegos que competían nesta xornada no campus pontevedrés, sede do grupo A do CUIA, o torneo contou tamén coa participación dos preto de 70 integrantes dos cinco equipos da Universidad de Extremadura e os equipos gañadores da fase previa a este torneo que, o pasado xoves, mediu aos campións de Euskadi, Cantabria e Asturias. Concretamente, a Universidad do País Vasco (UPV/EHU) acudiu a esta cita con sete equipos e preto dun cento de deportistas, a Universidad de Deusto con dous e Oviedo e Cantabria con un.
“Para nós é un impulso importante, que nos pon dalgunha maneira no mapa deportivo”, recoñecía Gustavo Loureiro, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, organizadora dun torneo que esixiu a participación de 23 árbitros, auxiliares e delegados federativos e que contou tamén coa colaboración de voluntarios e voluntarias achegados pola Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Federación Galega de Balonmán. Un torneo que, engade Loureiro, viuse marcado por “un nivel excelente e unha competitividade tremenda, como xa houbo no Campionato Galego” e que se desenvolveu en formato de triangulares no caso das cinco modalidades nas que estaba representada Extremadura e cun enfrontamento directo entre o campión galego e o equipo gañador da fase previa celebrada entre Asturias, Cantabria e Euskadi no resto.
Seis sedes de competición
Desde ás dez da mañá, as competicións foron desenvolvéndose de xeito simultáneo en seis sedes diferentes. Así, o Pavillón Universitario acolleu os triangulares de baloncesto feminino, no que Vigo superou tanto a Estremadura (45-18) como a UPV (35-25); e masculino, no que Deusto derrotou a Estremadura e UDC. O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) foi a sede dos partidos de voleibol feminino, no que UPV derrotou á Universidade de Vigo (3-0) e masculino, no que a UDC puido coa UPV (3-0). No Pavillón Municipal dos Deportes, por outra banda, tivo lugar a competición de balonmán feminino, na que Vigo obtivo un novo pase ás finais derrotando a Estremadura (23-7) e UPV (18-11).
A estas tres sedes sumouse o campo de herba sintética da Xunqueira, onde o equipo feminino de Vigo derrotou a Deusto por 4-2 e o masculino logrou a vitoria por xogo limpio tras empatar a tres con Cantabria. No campo de rugby de Monteporreiro, as vitorias foron para o equipo feminino da UPV que superou á UDC (30-7) e para o conxunto masculino da institución coruñesa, que gañou a Oviedo 23-7.
Por último, a competición de fútbol sala tivo lugar no Pavillón Municipal de Marcón, onde a Universidade de Vigo logrou unha nova vitoria en fútbol feminion, tras gañar 4-1 a UPV e 4-2 a Estremadura. Na competición masculina, o pase foi para a USC, que empatou a ceros coa UPV e gañou 3-2 a Estremadura.