DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade está organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense

O campus acolle un curso de iniciación á ornitoloxía

A formación desenvólvese na Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 11/10/2019

Desde finais do mes de setembro e ata mediados de decembro, o campus de Ourense acolle a celebración dun Curso de iniciación á ornitoloxía ofrecido pola Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense coa colaboración da Facultade de Ciencias e do Ateneo. A actividade permite a máis dunha vintena de persoas introducirse na teoría e na práctica do coñecemento das aves.

Os  obxectivos da actividade, explican desde a entidade organizadora, son que as e os participantes se acostumen ao manexo de prismáticos e guías de identificación de aves, que aprendan a identificar as especies de aves comúns, con preponderancia das acuáticas, e que coñezan aspectos básicos da bioloxía e morfoloxía das aves. Catro especialistas, como son  Antonio Ferreirós, Isabel Álvarez, Laura Iglesias e Marcos Freán, son os encargados de impartir o curso tanto nas sesión que se desenvolven no Ateneo e no campus como nas saídas, desenvolvéndose a actividade sempre os venres pola tarde e sábado pola mañá.

Teoría e práctica

Tras unha primeira introdución xeral ao mundo das aves celebrada o pasado 13 de setembro no Ateneo de Ourense, a actividade do curso trasladouse ás aulas da Facultade de Ciencias, onde se desenvolverán catro sesións en total, agradecendo desde a Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense esta colaboración de xeito especial. As sesións que teñen lugar nas instalación do campus complétanse con saídas de campo nas propias zonas verdes universitarias e noutros puntos da cidade de Ourense. A actividade rematará o día 14 de decembro pero desde a entidade organizadora sinalan que as e os participantes que o desexen poderán incorporarse durante o mes de xaneiro de 2020 aos censos internacionais de aves acuáticas invernantes, tendo así a posibilidade de poñer a proba os coñecementos adquiridos neste curso e complementar a formación práctica recibida nel.

A formación ten un custe de 50 euros para os socios da entidade organizadora e de 80 euros para as demais persoas pero o diñeiro recadado, explican desde a Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense, dedicarase “por completo” ás obras de restauración e recuperación de hábitats que esta sociedade, a través da súa sección Antela, está a levar a cabo na Limia.