DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación recolle 24 traballos presentados no seu simposio internacional

O Campus da Auga, protagonista dun número especial da revista 'Sustainable Water Resources Management'

Os temas abordados abranguen desde o termalismo á hidroloxía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/04/2019

A revista Sustainable Water Resources Management, da Editorial Springer, dedica o seu último número especial, o correspondente a marzo, ao Campus da Auga. Nel recóllense 24 traballos presentados por case un centenar de investigadores e investigadoras dun amplo abano de países nas dúas edicións do simposio internacional bianual do proxecto de especialización do campus de Ourense.

Concretamente, o volume, titulado Sustainable resource management: water practice issues, amosa unha selección dos estudos presentados durante as sesións de investigación xeral sobre a auga do I e II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida do Campus da Auga, celebrados en Ourense coincidindo co Termatalia nos anos 2015 e 2017. Está editado polos profesores Helder I. Chaminé, do Instituto Superior de Engenharia de Porto, en Portugal, e Moncho Gómez, da Universidade de Vigo, coordinadores asemade desas sesións de investigación xeral.

Coa publicación deste número “nunha revista especializada en temas da auga dun dos grupos máis reputados en canto a publicacións científicas, o que tratamos é pór en valor o Campus da Auga e darlle difusión internacional”, comenta Gómez Gesteira, director do Grupo Ephyslab. O obxectivo foi, apunta, ir alén do impacto localizado que puidese ter a publicación das actas do simposio buscando unha repercusión de maior repercusión internacional pondo en valor unha “unha selección daqueles traballos que pensamos que cientificamente eran máis susceptibles de interesar ao público”.

98 autoras e autores

Sustainable resource management: water practice issues recolle 24 traballos orixinais presentados por 98 autores e autoras de 48 entidades públicas e privadas de carácter académico, investigador ou de desenvolvemento de Europa (España, Portugal, Reino Unido, Alemaña e Noruega), América (Estados Unidos, México e Arxentina), Asia (Bangladesh) e Oceanía (Australia). Nesta participación destacan os responsables da iniciativa a implicación de especialista de España e Portugal, lembrando como o simposio supón unha mostra e ao mesmo tempo un impulso á cooperación existente entre institucións dos dous países no eido da investigación arredor da auga.  

Sobre os contidos que abrangue o especial, Moncho Gómez apunta que están centrados en temas relacionados coa auga, como hidroloxía ambiental, hidroxeoloxía, termalismo, hidroxeoloxía mineira, augas subterráneas urbanas e enxeñaría hidrolóxica. Así, o número presenta estudos sobre procesos de augas subterráneas e augas termais e exploración, extracción, protección e manexo sostible dos recursos hídricos, tentando “contribuír ao coñecemento xeral dos sistemas hidrolóxicos nun marco de variabilidade climática e demanda social deste recurso”. Ademais, nel destácase a importancia dun espírito de sostibilidade ambiental a longo prazo, responsabilidade social e ecolóxica e ética na xestión dos recursos hídricos, tal e como indican os editores do especial.

Os responsables deste número sobre o Campus da Auga sinalan no súa editorial o desexo de que esta iniciativa “poida inspirar a estudantes talentosos, científicos, enxeñeiros e outros profesionais relacionados coa auga” e amosan a súa confianza en que as vindeiras edicións do simposio internacional continuarán constituíndo “un foro de debate interesante para fortalecer a relación entre o coñecemento científico e técnico entre o mundo académico e a práctica no campo dos recursos hídricos, as augas termais e as augas subterráneas”.