DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos

O Campus Camp oferta 50 prazas en Ourense

O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/05/2019

O Campus Camp, o campamento de verán dirixido a fillas e fillos do persoal de administración e servizos, o persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo, mantén aberto o prazo de inscrición ata o 31 de maio. Nesta edición, as prazas no campus de Ourense aumentan de 36 a 50, ampliándose tamén a idade dos nenos e nenas que poden participar, que pasa a ser de 3 a 14 anos.   

A iniciativa, coordinada desde o Servizo de Extensión Universitaria da institución académica, vai dirixida a facilitar a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria en época de vacacións escolares, ao tempo que achega a Universidade aos máis pequenos e pequenas. Así, as actividades arrancarán o 24 de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e prolongaranse ata o mes de setembro, quedando excluído de actividades o mes de agosto. No Campus Camp nenas e nenos participarán dunha serie de actividades educativas e lúdicas, cun eixo temático que vai variando en cada edición, co obxectivo de fomentar a colaboración e o traballo cooperativo, a adquisición de habilidades específicas de diferentes deportes a través do xogo e a realización de actividades ao aire libre.

As persoas interesadas poden inscribir os seus fillos e fillas dependendo das súas propias necesidades en toda a tempada ou só nas quincenas desexadas, variando os prezos entre os 160 euros se se opta por inscribir ao cativo ou cativa desde xuño ata setembro; 120 euros no caso de inscribilo todo o mes de xullo; 60 euros cada quincena de xullo; 30 euros só xuño; 30 euros só setembro ou oito euros por día en caso de decidirse por apuntalo días soltos. Ademais, en función do número de irmáns matriculados hai diferentes descontos, agás no caso de que se opte pola matrícula en días soltos. As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas teñen de prazo para facelo ata as 14.00 horas do venres 31 de maio a través de Culturxest, adxudicándose as prazas por orde de inscrición nesta plataforma.