DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables do campus participaron en Portugal en tres eventos internacionais 

Campus do Mar reforza en Porto o contacto con seus colaboradores e procura novos contactos no ámbito da I+D+i mariña 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 15/11/2019

Business2Sea, Atlantic Stakeholder Platform Conference e Interreg Atlantic Area Annual Event son os tres eventos celebrados ao longo desta semana na cidade Porto nos que participaron responsables de Campus do Mar e nos que se deron cita un elevado número de axentes do ámbito mariño e marítimo procedentes de diferentes países. Como en anos anteriores, Campus do Mar foi invitado a tomar parte nestes eventos, cunha participación, nesta ocasión, máis proactiva a través de presentacións curtas (pitch) e encontros negocio a negocio (b2 b), como explica o seu director Daniel Rey. “Noelia Estévez, xestora de Campus do Mar e do Nodo Nacional e eu sostivemos como nodo español de Mecanismo de Asistencia ao Plan de Acción do Atlántico reunións cos nosos homólogos franceses, portugueses, ingleses e irlandeses en sesións de traballo de coordinación. Ademais entre os dous atendemos media ducia de citas acordadas con antelación con CEO,s de startups do ámbito biotecnolóxico e enerxías renovables e con promotores de proxectos de investigación”, detalla Daniel Rey.

Pola súa banda, a xestora do proxecto Bluebiolab, Laboratorio Transfronteirizo de Biotecnoloxía Mariña, foi a encargada de realizar unha presentación do mesmo, nunha sesión dun dos eventos. 

Unha oportunidade excelente para facer contactos en primeira persoa  

A participación de Campus de Mar neste tipo de eventos considera Daniel Rey que é “unha oportunidade excelente para ter contactos en primeira persoa con todos os nosos socios e colaboradores e consolidar o papel integrador e de liderado a I+D+i mariña”. Neste sentido, Rey lembra que Campus do Mar mantén relacións de longo percorrido con institucións do ámbito ciéntifico-tecnolóxico mariño, tanto en Portugal, como en Galicia, cos que se ten unha longa historia de organización e participación conxunta en diversas iniciativas. “Ademais, desde hai anos o CIM-UVigo está a colaborar intensamente coa Autoridade Portuaria de Vigo, no ámbito da aplicación da Estratexia Blue Growth, co desenvolvemento de liñas de traballo en sustentabilidade enerxética, biodiversidade e capacitación en contornas portuarias”, detalla o director de Campus do Mar.