DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición reúne na Sala X libros de artista, fanzines, cómic experimental e fotolibros

Cando os camiños da arte conflúen no papel

Comisariada por Silvia García, a mostra poderá visitarse ata o 7 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/05/2019

“Neste contexto dixital, aínda hai xente que ve oportuno e necesario experimentar cos formatos do papel”, salienta Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes e comisaria de Papel-Papel! Do fanzine ao fotolibro, a exposición que desde a tarde deste xoves reúne na Sala X máis de 40 publicacións coas que trata de reflectir as múltiples vías desde as que o traballo artístico dá como resultado un libro ou publicación. Así, fanzines ou cómics experimentais conviven con exemplares de libros de artista ou de fotolibros nunha exposición que reúne publicacións de diferentes procedencias, á vez que unha serie de traballos de artistas formados na propia facultade.

Ata o 7 de xuño poderá visitarse na sala de exposicións do campus unha mostra que na tarde deste xoves García inaugura xunto co vicerreitor do campus, Jorge Soto, é “que é unha maneira tamén de utilizar a Sala X para amosar algo sobre o que o estudantado está interesado”, salienta a comisaria, que salienta nese senso o “carácter pedagóxico” dunha mostra na que, agás algúns exemplares concretos que se presentan expostos na vitrina central, exhibe as diferentes publicacións nunha serie de estantes e nun arquivador, co propósito de que as e os visitantes consulten as diferentes obras. 

O papel como nexo entre disciplinas

“A exposición trata de reflectir a inmensa heteroxeneidade de proxectos que na actualidade utilizan o papel e a reprodución en pequenas tiraxes como medio expresivo ou reivindicativo”, engade García dunha mostra na que se presentan tanto traballos de artistas recoñecidos, como sería o caso dos libros de artista de Antoni Muntadas, Tacita Dean ou Francisco Ruiz de Infante, e de fotolibros como Becoming Simone, da italiana Alessia Bernardini. Tamén hai espazo na mostra para libros dedicados a fotógrafos históricos como Robert Frank, para libros-obxecto como Negros encontrados en la calle, de Roger Colom ou para publicacións chegadas desde Xapón ou Bos Aires. Libros que, por outra banda, conflúen nesta mostra con fanzines de diferentes colectivos ou cunha serie de mostras de “cómic experimental”, como as creacíons de dúas autoras formadas na facultade, Begoña García-Alén e Cynthia Alfonso, que a pasada semana participaban nunha mesa redonda sobre autoedición, fanzines e cómic experimental na facultade, no marco das actividades de San Ero. Traballos de egresados como Julia Huete, Andrés Magán, Alejandro Gaudino, Rosendo Cid, Nando Vázquez ou Nuria Figuieirido, así como un fanzine realizado polo alumnado no club de cómic da facultade, forman parte así mesmo dunha exposición que busca nese senso amosar que “á experimentación artística co soporte papel chégase desde vías e procedencias moi distintas”.

“Coa exposición visibilízanse distintas liñas de traballo e téntase trazar un itinerario entre disciplinas que soen estar separadas”, engade García dunha mostra que busca trazar “un percorrido pola variedade de formatos alternativos de edición de artista que utilizan o papel”. Con esa idea de feito, a mostra non presenta as diferentes publicacións clasificadas ou separadas, buscando dese xeito “que se vexa como algo permeable, no que é difícil establecer o límite” entre disciplinas, explica a comisaria dunha exposición que completan dous vídeos que, a través de vistas cenitais amosan “a manipulación de exemplares, fráxiles, irónicos, despregables”, con ese mesmo obxectivo de representar ese “itinerario duns soportes a outros”.