DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son os tres beneficiarios das bolsas de formación para persoas con diversidade intelectual

Carla, Ismael e Martina adquiren experiencia laboral no campus

A súa estadía prolongarase durante tres meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 28/02/2020

Desde o día 1 de febreiro a Biblioteca Rosalía de Castro, a conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial e o pavillón de deportes do campus de Ourense contan cada un deles cunha nova incorporación no seu equipo. Trátase de Ismael Fernández, Martina Pérez e Carla Rodríguez, as tres persoas que resultaron beneficiarias das bolsas de formación que convocou este curso académico a Vicerreitoría do Campus de Ourense destinadas a fomentar a integración laboral de persoas con diversidade intelectual.

As tres bolsas abranguen as especialidades de auxiliar de biblioteca na Biblioteca Rosalía de Castro, auxiliar de actividades deportivas no pavillón universitario e auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial. O período formativo das bolsas é de tres meses, iniciándose o 1 de febreiro e finalizando o 30 de abril e sendo o número de horas de colaboración de 20 semanais. A dotación económica bruta de cada bolsa é como máximo de 480 euros mensuais.

“Eu creo que esta é unha das actividades máis gratificantes que podemos realizar como universidade: dar a oportunidade de iniciar a súa vida laboral a persoas que por circunstancias o teñen máis difícil. Non só é unha responsabilidade pola nosa parte ter iniciativas deste tipo senón que tamén é algo que nos achega moitas cousas positivas a nós mesmos”, comentou Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, na reunión mantida cos beneficiarios das bolsas durante a realización do curso Capacitación laboral no ámbito do emprego con apoio, no que recibiron formación teórica sobre prevención de riscos e seguridade laboral e técnicas de apoio na contorna sociolaboral específica.

Aproveitando oportunidades

Ismael Fernández, de 21 anos, é o beneficiario da bolsa na Biblioteca Rosalía de Castro. No seu caso, indica, animouse a participar nesta iniciativa coa idea de que “sería unha grande oportunidade para ter unha mellor experiencia laboral, máis real, e coñecer tamén máis Ourense”, xa que non reside nesta cidade. No campus, sinala, “traballo como bibliotecario ocupándome de atención ao cliente, envío e recepción de libros e devolución de libros ao seu lugar. Tamén me ocupo dos texuelos e a maiores dunha tarefa que é rudimentaria ao longo de toda a xornada que consiste en transferir datos dos expedientes ao ordenador”. Salientando como “traballo moi a gusto”, Ismael Fernández destaca como niso axudan “as miñas compañeiras de traballo, que son moi simpáticas e completamente serviciais”. Mentres prepara unha oposición, apunta como “non teño realmente ningún posto de traballo planeado para o futuro. O meu traballo de futuro ideal sería aquel no que me sentira cómodo, que me gustara e que desenvolvera ben”.  

Ao igual que Ismael Fernández, Martina Pérez, de 19 anos, chegou a estas bolsas a través de Down Ourense. No seu caso está no pavillón de deportes, onde ela mesma explica “estou na recepción, abro as portas, acendo as luces, miro se hai algo avariado nas instalacións, paso o carné das persoas que veñen a baloncesto ou fútbol, etc”. Salientando como o que máis lle gusta é “estar en recepción, pola xente” destaca como no seu lugar de traballo “hai moi bo ambiente”. A realización desta bolsa agarda que lle dea máis experiencia laboral, apuntando como no futuro o que lle gustaría sería “dedicarme aos nenos pequenos”. Por último, Carla Rodríguez, de 23 anos, procedente de ADO Ourense, está na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial, onde se encarga de “prestar ordenadores, dar chaves aos profesores, colocar carteis, repartir correo e cousas así”. Indicando como lle gusta o trato coa xente e sobre todo coas súas compañeiras e compañeiros de conserxaría, Carla Rodríguez comenta como compaxina esta bolsa coa preparación dunhas oposicións, buscando dar pasos adiante no seu futuro laboral.