DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presidenta da Deputación coñeceu de preto o traballo do equipo de África González

Carmela Silva visita o Centro de Investigacións Biomédicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 13/03/2019

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este mércores as instalacións do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo, laboratorio integrado por máis de 200 profesionais do ámbito da saúde que investigan áreas biomédicas únicas en Galicia como son a epixenética, a filoxenia do cancro ou a inmunoloxía. Durante a súa visita, Silva tamén coñeceu de primeira man o traballo do equipo de investigación que dirixe a directora do Cinbio, a catedrática África González, que se centra no estudo de cuestións relativas á resposta inmunitaria e ao desenvolvemento de vacinas. 

Máis polo miúdo, durante a súa visita ao centro, cuxo edificio no que está radicado recibe o nome da primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia, a presidenta da Deputación quixo enxalzar “o traballo deste talentoso equipo de científicos e de científicas que realizan investigacións e probas coa tecnoloxía máis punteira”. De feito, o Cinbio foi declarado Centro Singular de Investigación de Galicia e vertebra a súa actividade investigadora en cinco áreas principais e tres transversais: cancro, inmunidade e inflamación, neurociencias, biosaúde e envellecemento activo, obesidade e enfermidades metabólicas e, nun segundo plano, en bioestatística, bioinformática e en novos métodos de prevención, diagnose e terapia. 

Formado por máis de 200 profesionais da investigación biomédica, dos que 120 son mulleres, o Cinbio é un centro de referencia internacional avalado polas súas publicacións en revistas científicas de alto impacto, un total de 163 ata novembro de 2018. A esa cifra hai que sumarlle os publicados en revistas non indexadas, en libros e en capítulos de libros. Ademais, dende o propio centro fixeron fincapé no seu obxectivo de seguir traballando para posicionarse como polo de excelencia na investigación biomédica.