DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro dos relatorios correu a cargo da catedrática da UDC Amparo Alonso

A Cátedra Álvarez-Ossorio dedica un ciclo de conferencias á intelixencia artificial

En febreiro participará o catedrático da Universidade de Vigo Florentino Fernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 31/01/2020

“Estamos rodeados de intelixencia artificial por todas partes”. Deste xeito incidía a catedrática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, da temática en torno a que xira o ciclo de conferencias impulsado pola Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar. Na tarde deste xoves, este ciclo botou a andar no centro con sede en Marín cunha conferencia na que Alonso Betanzos buscou presentar os múltiples campos de aplicación da intelixencia artificial, así como trazar unha panorámica de en que partes do mundo poden atoparse “as maiores concentracións de empresas” que traballan neste eido, xunto coa situación na que se atopan España e Galicia que, como salientou esta catedrática, ten tamén neste eido “a súa ventá de oportunidade nun mundo globalizado”.

A primeira das tres conferencias que conforman este ciclo foi presentada polo vicerreitor do campus de Pontevedra e director da Cátedra Álvarez-Ossorio, Jorge Soto, e polo comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero. Nela, Alonso buscou en primeiro termo introducir ás e aos asistentes no concepto de intelixencia artificial no que se insiren todas “as máquinas ou programas que intentan reproducir algún tipo de comportamento intelixente”, para logo incidir tamén nos “moitos campos” nos que desde Galicia se está traballando e investigando neste eido. De feito, ademais de presentar o traballo que desde a UDC realizan xunto coa Armada en materia de “mantemento preditivo dos sistemas de propulsión das fragatas”, Alonso lembrou tamén como os investigadores e investigadoras das tres universidades galegas están a traballar en ámbitos como a visión artificial, o recoñecemento da linguaxe polas máquinas, vehículos autónomos, sistemas de recomendacións para turismo... “Hai unha variedade moi ampla de investigacións con moitísimas aplicacións, desde na ciencia ata na saúde”, salientou Alonso, que incidiu en que máis aló das “áreas centrais” da intelixencia artificial, en Galicia tamén se desenvolven diferentes traballos “nas interseccións desta tecnoloxía con outras disciplinas”. 

Dúas conferencias por diante

Tras este primeiro relatorio, o ciclo continuará o 20 de febreiro coa conferencia Intelixencia artificial interpretable: sistemas intelixentes capaces de razoar as súas propostas, que o catedrático da Universidade de Vigo Florentino Fernández Riverola impartirá na Escola Naval. Cunha data aínda pendente de confirmación, o ciclo pecharase coa conferencia Enxeñaría ontolóxica e web semántica, a cargo da vicerreitora de Investigación, Innovación Educativa e Doutoramento da Universidad Politécnica de Madrid, Asunción Gómez.