DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encargaranse de labores de dirección, coordinación, implantación e contratación 

Catro grupos de traballo encargaranse de potenciar e mellorar o funcionamento do programa HR Excellence in Research 

Avaliadores da Comisión Europea revisarán en breve a implantación do programa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 14/05/2019

Dous anos despois da súa posta en marcha na Universidade de Vigo, o programa HR Excellence in Research será sometido, a finais deste mes de maio, a unha revisión por parte dun grupo de avaliadoras e avaliadores da Comisión Europea, o organismo que impulsa o programa que ten como obxectivo a implantación da estratexia e os principios da Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para a contratación de persoal investigador. As e os avaliadores da Comisión deberán comprobar o grao de cumprimento do programa, que aínda que depende directamente da Vicerreitoría de Investigación, ten un forte carácter interdisciplinar, de xeito que están implicadas a maior parte das vicerreitorías e servizos relacionados coa investigación, así como a Área de Calidade. 

“Considero que implementar e manter o programa e o selo, con todas as súas implicacións, vai ser moi favorable para posicionar mellor a nosa universidade, ter maior visibilidade, mellor internacionalización, mais reputación, mais mobilidade, e conseguir mais proxectos no eido de H2020”, asegura a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, cara á avaliación que nunhas semanas realizarán as e os representantes da Comisión Europea.

Grupos de traballo para potenciar e mellorar o programa

A revisión á que será sometido o programa producirase un mes despois de que o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobase a creación de catro grupos de traballo, que teñen o obxectivo de potenciar e mellorar o seu funcionamento, a través da participación de persoas de diferentes centros e servizos e con distintos perfís relacionados co eido da investigación. Así, o Comité Director (Steering Committee) será o responsable de dar o axeitado compromiso e soporte institucional ao programa. Presidido polo reitor, Manuel Reigosa, intégrano as vicerreitoras de Investigación (Belén Rubio), de Transferencia (María Consuelo Pérez) e de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación (Maribel Doval), a xerenta (Raquel Souto), o secretario xeral (Miguel Michinel) e o director da Escola Internacional de Doutoramento (Antonio García Pino). 

O Grupo de Traballo (Working Group), pola súa banda, será o responsable da xestión de coordinación xeral do programa. “É o grupo que elabora os informes e en realidade coordina as reunións e os outros grupos, por iso tamén lle chamamos grupo de traballo de coordinación”, explica Belén Rubio, que se encarga de presidilo. O Grupo de Implementación da Estratexia HRS4R (Implementation Working Group) encárgase de promover a implantación da estratexia que abarca o programa, de aí a implicación no mesmo de servizos, áreas e centros de investigación da Universidade. Mentres, o Grupo de Estratexia de Contratación (OTM-R Working Group) “ten como un dos seus obxectivos contratar ao persoal das universidades, baseándose nos méritos, nun proceso aberto e transparente que se difunda a nivel europeo, a través de EURAXESS”, explica Rubio. 

Máis de 120 participantes nun curso que da a coñecer o selo á comunidade universitaria 

Dentro das accións que se están a desenvolver para dar a coñecer o programa e o selo de excelencia en Recursos Humanos de Investigación, HR, as vicerreitorías de Investigación e Organización Académica están a desenvolver un curso, dirixido á comunidade universitaria, e en especial ao persoal investigador. 124 persoas participaron nas sesións presenciais e virtual streaming do curso, que tiveron lugar a semana pasada, e que continúa na súa modalidade virtual diferido, a través de FaiTIC ,ata o vindeiro día 16 de maio. “O curso foi un éxito, apuntáronse 124 persoas, e en xeral a xente saíu contenta. Penso que lles gusta que nos preocupemos por mellorar a calidade na investigación e a situación do persoal investigador na Universidade”, sinala a vicerreitora de Investigación.