DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves 24 terá lugar ‘Usa a lingua’, unha iniciativa promovida polo alumnado 

CCSS e da Comunicación acolle unha xornada lúdica para reivindicar o uso do galego

Nas actividades insírese un concerto do grupo de rap Ezetaerre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/10/2019

Reivindicar o uso do galego é animar ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a falalo son os obxectivos centrais de Usa a lingua, unha actividade organizada por un grupo de alumnas e alumnos, integrantes da júnior empresa Freshysweet, que este xoves 24 proporá diferentes actividades lúdicas neste centro. Financiada coas axudas a actividades extraacadémicas da Universidade de Vigo, esta iniciativa terá como actividade central un concerto do grupo de rap Ezetaerre, ás 14.20 horas, e completarase coa instalación na planta baixa do centro duns postos que, centrándose nos elementos máis identificadores de catro puntos de Galicia, buscarán pór de relevo a súa riqueza cultural.

“O ano pasado xa organizamos esta actividade e fixemos unhas charlas con xente que se dedica ao audiovisual, pero vimos que houbo alumnos que non se animaron a acudir, polo que este ano decidimos facer algo máis dirixido a que a xente se achegue, cun concerto e comida”, explica Noelia Chantrero, unha das organizadoras desta actividade. Con esa idea, instalarán na planta baixa do centro catro postos, dedicados á Combarro, Santiago de Compostela, Verín e os Ancares, nos que reunirán pratos ou sobremesas típicas destas zonas xunto con outra serie de elementos característicos. Así, estes postos presentarán caretas do entroido de Verín, referencias ao Camiño de Santiago ou elementos vinculados á cultura mariñeira, no caso de Combarro, como explican os seus impulsores. Os postos veranse complementados á súa vez, explica Chantrero, pola instalación dun “paseo da fama de estrelas e estrelados”, no que destacarán a unha serie de persoeiros pola súa implicación ou pola súa falta de implicación co idioma e a cultura galega. Así mesmo, repartiranse unha serie de adhesivos cos lemas ‘neofalante’, ‘en proceso de neofalante’ e ‘galegofalante’, coa idea de “o alumnado se anime a falar galego na facultade”.

Música como peche

Estes postos permanecerán instalados na facultade entre ás 10.00 e as 14.00 horas e veranse sucedidos pola actuación de Ezetaerre, “un grupo de rap combativo e en galego”, como sinalan na súa web, que o pasado ano presentaba o seu segundo disto Pólvora e tormenta, un traballo que daba continuidade a Aspiracións mínimas, o seu primeiro disco de longa duración e aos diferentes singles editados despois de dar luz, en 2016, á súa primeira maqueta.