DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto EOSC-Life conta con 13 socios e ten un orzamento total de 23,7 millóns de euros

O CIM participa nunha iniciativa continental para crear un espazo dixital aberto e colaborativo para as ciencias da vida na nube

A UVigo centrarase en asegurar a protección de datos e privacidade das mostras, segundo o Protocolo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/05/2020

O Centro de Investigación Mariña, a través da Ecimat e a súa participación na Rede Europea de Estacións de Bioloxía Mariña (EMBRC-ERIC), participa xunto con outras 12 infraestruturas de investigación europeas nun proxecto H2020 denominado EOSC-LIFE (European Strategy for Research Infrastructures). Estas 13 institucións de I+D do eido da saúde e da alimentación unen os seus coñecementos e esforzos para crear un espazo dixital aberto e colaborativo para as ciencias da vida na nube, o que será a European Open Science Cloud (EOSC). O proxecto ten un orzamento total de 23,7 millóns de euros e está coordinado por Elixir, unha organización intergubernamental que reúne recursos de ciencias biolóxicas de toda Europa.

Niklas Blomberg, director de Elixir e coordinador xeral do proxecto, explica que EOSC-Life reunirá os recursos, ferramentas, habilidades e experiencias necesarias para transformar o panorama fragmentado de datos de investigación nun espazo aberto para a bioloxía dixital. “O noso obxectivo final é maximizar o potencial colectivo das infraestruturas de investigación biomédica de ESFRI (European Strategy for Research Infrastructures) e os investigadores que as empregan. Ao final deste proxecto, EOSC-Life establecerase como a nova norma para a bioloxía dixital en Europa”, accesible para os 500,000 científicos biolóxicos do continente.

No marco deste consorcio continental, o equipo da Ecimat, con Jesús Souza Troncoso como IP, céntrase na trazabilidade das mostras de recursos mariños, de acordo co marco legal que establece o Protocolo de Nagoya, relacionado co acceso a recursos xenéticos e o reparto xusto de beneficios derivados da súa utilización.

Por unhas ciencias biolóxicas localizables, accesibles, interoperables e reutilizables

A posta en marcha deste proxecto responde á necesidade de manter as ciencias biolóxicas europeas á vangarda dos avances mundiais. Neste sentido, as entidades implicadas en EOSC-Life remarcan que para afondar na compresión da vida e as enfermidades “é necesario que os datos, os servizos dixitais e as instalacións avanzadas, vitais para a investigación en ciencias biolóxicas, sexan localizables, accesibles, interoperables e reutilizables (FAIR)”. Así, coa posta en marcha deste nodo europeo, os datos e servizos de FAIR melloran a reproducibilidade da investigación biomédica, impulsan novos descubrimentos científicos e permiten a calquera investigador en Europa e en todo o mundo acceder a eles e utilizalos.

A Universidade de Vigo vela polo cumprimento do Protocolo de Nagoya

A magnitude deste proxecto para facer dispoñibles os datos biolóxicos na nube presenta unha serie de dificultades, non só no eido técnico e informático, senón tamén en relación á protección de datos persoais e privacidade, así como a trazabilidade. É neste aspecto no que se centra a participación da Universidade de Vigo, xunto coa Universidade do País Vasco, ambas a través do EMBRC (European Marine Biological Resource Centre), o único dos trece socios do proxecto con relación coas ciencia do mar. Belén Martín Míguez, responsable da participación da Ecimat na EMBRC, explica que a participación da UVigo e a UPV/EHU nace da súa ampla experiencia na aplicación do protocolo de Nagoya na xestión de recursos mariños e o seu obxectivo é que os datos biolóxicos poidan estar “na nube” mentres se respecta o marco legal ABS ou Protocolo de Nagoya. Esta normativa require que, ao longo de toda a cadea dende a toma de mostras ata a posta a disposición do dato, sexa necesario recoller e manter información sobre a orixe xeográfica da mostra e sobre os permisos que obtidos nese proceso.

Así, as institucións españolas participan en dous paquetes de traballo. O primeiro céntrase no desenvolvemento dunha política de datos que teña en conta a necesidade de asegurar a trazabilidade das mostras biolóxicas ao longo do seu proceso de utilización, en cumprimento coa lexislación implementada en cada país no marco do protocolo de Nagoya. “O fundamental do protocolo é que recoñece a soberanía dos países sobre os recursos xenéticos recollidos no seu territorio, con independencia de onde se empreguen.  “Por iso é necesario que, pouco a pouco, as institucións que están involucradas na recolección, colección, transporte, utilización e xeración de información a partir destes recursos xenéticos poñan en marcha mecanismos que aseguren que o país de orixe é coñecido ao longo de toda a "viaxe" do recurso. Dentro da área de traballo 4 do proxecto tamén se vai organizar un obradoiro no que participarán representantes das diferentes institucións involucradas en todos os pasos desta ‘viaxe’. Coas súas achegas, explica Martín Míguez, “proporemos unha serie de recomendacións sobre aspectos a incorporar nas políticas de datos”.

A segunda área do proxecto no que está involucrada a UVigo garda unha estreita relación coa anterior, pero cunha compoñente máis técnica, tratando de propor solucións concretas para poñer en práctica esas políticas de datos. Trátase de desenvolver un "modelo de orixe" para todos os datos biolóxicos considerados n proxecto. Nós colaboramos con outros colegas que teñen un perfil máis bioinformático e estamos seleccionando e propoñendo metadatos de obrigado cumprimento utilizando linguaxe .eml (ecological metadata library)”. Estes metadatos, remarca a investigadora, deben acompañar os datos dos recursos xenéticos e terán que ser progresivamente incorporados nas bases de datos de recursos mariños que existen actualmente en toda Europa. “Isto fará que, ao longo da cadea de utilización dun recurso xenético, o último resultado obtido poida ser trazado ata a mostra biolóxica orixinal do que foi inferido”. Para esta tarefa, explica Martín Míguez, a Universidade de Vigo colabora con VLIZ (Instituto de Ciencias Mariñas de Flandes)e co BBMRI-ERIC (European Research Infrastructure for Biobanking and Biomolecular Resources, ciencias médicas).