DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o vindeiro martes ás 19.00 horas no Marco de Vigo

Coloquio aberto con Fernando Aguado e Juan Picos para coñecer a investigación da UVigo na loita contra o lume

Aguado explicará o proxecto Fire-RS e Picos reflexionará sobre a vaga de incendios de 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI 04/10/2019

Con motivo da conmemoración da Semana Mundial do Espazo (do 4 ao 10 outubro), a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza un coloquio no que tentará achegar á sociedade as investigacións realizadas desde a institución académica usando tecnoloxías como satélites, vehículos non tripulados e drones na loita contra o lume, ademais de analizar o sucedido na vaga de incendios de 2017 desde o punto de vista da xestión forestal. O coloquio, titulado A loita contra o lume desde o espazo, contará coa participación do director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, e o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. A cita será o martes 8 de outubro ás 19.00 horas no museo MARCO de Vigo e forma parte das actividades do plan de acción anual da UCC+i Unha Cuestión de Ciencia.

O obxectivo é achegar a ciencia e o traballo do persoal investigador á sociedade para fomentar o seu coñecemento dos estudos que se realizan na institución académica para acabar con esta  lacra que ano a ano afecta aos montes da comunidade. Durante o coloquio, que será moderado pola xornalista de Faro de Vigo Sandra Penelas, os participantes manterán unha conversa a través da cal as persoas asistentes poderán afondar nun dos principais proxectos da Universidade de Vigo relacionados coa loita contra o lume: o Fire-RS. Fernando Aguado, director do proxecto no que tamén están implicadas a Universidade de Porto e o Centro Nacional para a Investigación Científica de Toulouse, explicará a iniciativa, que implementa un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; o satélite LUME-1; unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo, e un software de modelado e predición de incendios. Este sistema permite obter datos reais recollidos in situ e de xeito automatizado para avaliar a evolución e propagación real dun lume, algo que os actuais non son quen de facer.

“É importante que a sociedade coñeza este tipo de proxectos”

Para Fernando Aguado “é importante que a sociedade coñeza este tipo de proxectos para que saiban que solucións desenvolvidas desde Galicia integran últimas tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume”. Nesta liña, o investigador pon en valor que “o resultado máis importante é que a determinación da velocidade de expansión do lume faise con medidas in situ”.
 
Pola súa banda, o profesor Juan Picos achegará a visión deste tipo de cuestións desde o punto de vista forestal, analizando e reflexionando sobre os incendios de outubro de 2017, dos que están a piques de cumprirse dous anos. O director da Escola de Enxeñaría Forestal destaca respecto de iniciativas coma estas que “a día de hoxe na Universidade temos solucións e traballos de investigación prometedores que poden axudar a solucionar problemas tan importantes para a sociedade como son os lumes”, ao que engade que esta actividade é tamén “unha oportunidade para poñer en valor que en Galicia tamén contamos cun recurso relevante como é o coñecemento”.