DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle dous cursos de Extensión Universitaria nas primeiras semanas de setembro

Comunicación empresarial e información xeográfica para despedir o verán

Casos reais vividos en diferentes empresas e o software QGIS centran as actividades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/09/2019

O arranque do curso académico 2019/2020 viuse complementado no campus polo desenvolvemento de dous dos cursos de Extensión Universitaria impulsados pola Vicerreitoría para este verán e que nestas primeiras semanas de setembro reuniron na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación máis de 50 alumnos e alumnas. No primeiro dos centros, desenvólvese nestes días, coas súas 30 prazas cubertas, a primeira edición dun curso de QGIS que inicia a estudantes e profesionais no manexo deste software de información xeográfica. Por outra banda, máis de 20 alumnos e alumnas achéganse a diferentes estratexias de comunicación empresarial a través dos casos reais que tiveron que afrontar profesionais deste eido en diferentes empresas.

Comunicación empresarial en primeira persoa

Dirixido pola catedrática Aurora García e coordinado polo consultor Miguel Ángel Souto, o curso Experiencias de éxito en publicidade e relacións públicas de pemes galegas propuxo ao alumnado un achegamento ao traballo de comunicación, publicidade ou márketing que desenvolven as empresas a través da abordaxe dunha serie de casos reais, contados polos responsables de comunicación e relacións públicas que estiveron á fronte destes traballos. “É un curso sen parte teórica, no que buscamos directamente aplicar os coñecementos adquiridos na facultade á realidade coa que nos atopamos nas empresas”, apunta Souto, que foi director comercial e de márketing de Sargadelos, Joyerías Calvo, Engel & Volkers ou Diario de Pontevedra. Nese senso, o curso articulouse en torno a casos como os que o propio Souto tivo que afrontar ao longo da súa traxectoria profesional, aos que se sumou a participación de profesionais como Carmen Fernández, do Clúster de Turismo de Galicia, ou Alberto Rivas, responsable do blog de viaxes e gastronomía Alivientoo. O curso incluíu tamén visitas ás sedes de Pontevedresa Group, Hifas da Terra ou Deputación de Pontevedra para coñecer, de mans de mans de Iago Barbeito, Marta Fernández e Ana Costas, respectivamente, o seu labor en materia de comunicación, publicidade e relacións públicas.

“En todos os casos, facemos que os propios alumnos se enfronten ao problema de comunicación que nós tivemos que afrontar”, presentando cada caso para logo reflexionar e debater posibles medidas, “que despois contrastamos co que puxemos en marcha na empresa”, explica Souto. Deste xeito, o curso busca achegar ao alumnado diferentes estratexias comunicativas, desde a necesidade de xerar “noticias positivas” que permitan contrarrestar danos en materia de imaxe a estratexias de co-branding ou márketing dirixido ao sector industrial, pasando pola organización de eventos como o Congreso Flúor de Márketing Dixital. “O que buscamos é que houbese variedade, casos que se resolveron con estratexias de publicidade, coa creación de microeventos, con traballo no punto de venda...”, resume o coordinador do curso.

Sistemas de información xeográfica

Nestas primeiras semanas de setembro tamén se desenvolve o Curso de QGIS: Estudo, análise e caracterización dos recursos e ecosistemas naturais a partir dos sistemas de información xeográfica, que busca achegar ao alumnado da EE Forestal os múltiples ámbitos de aplicación dos sistemas de información xeográfica na xestión de espazos naturais. Centrado no software libre máis empregado neste eido, QuantumGIS, o curso ten como obxectivo dotar aos e ás asistentes dos coñecementos básicos necesarios para facer uso destas ferramentas en ámbitos como a xestión dos recursos hídricos, bosques, biodiversidade ou fauna. Aínda que non é exclusiva deste eido, “trátase dunha ferramenta de traballo que se pode empregar no eido forestal, ambiental, hidráulico...”, apunta a profesora Xana Álvarez, coordinadora dun curso que contou tamén coa participación dos docentes Enrique Varelo e Luis Ortiz e no que a egresada da escola e investigadora da University of Freiburg Andrea Janeiro é a encargada de avanzar cos e as asistentes, “partindo de cero”, no manexo deste software cartográfico.

De feito, tanto estudantes como profesionais forman parte dos asistentes a un curso que centrou as súas primeiras sesións “en familiarizarse co programa e as súas ferramentas”, como explica Janeiro. Partindo desas bases, a actividade avanzou xa nesta semana cara cuestións máis vencelladas ao eido forestal. “Estivemos traballando, por exemplo, con temas vinculados a modelos dixitais do terreo, altimetrías, pendentes..., ou aprendendo a calcular contas hidrolóxicas”, relata Janeiro. Partindo de información cartográfica xa existente, os e as asistentes puideron traballar tamén con imaxes de satélite, a través “das que poden calcular índices de vexetación, superficie dos solos queimados, risco de solos non produtivos despois dun incendio...”. Nese senso, outro dos aspectos abordados foron aqueles recursos que diferentes administracións poñen á disposición na rede, mentres que a última sesión centrarase en achegarlles unhas primeiras claves “para que poidan crear os seus propios planos para os seus proxectos”.