DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abel Caballero e Manuel Reigosa asinaron este mediodía un convenio 

O Concello de Vigo achega 350.000 euros ao alumnado da Universidade con dificultades económicas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/12/2019

Que os problemas económicos non sexan un impedimento para que o alumnado poida desenvolver os seus estudos na Universidade de Vigo. Con este obxectivo o concello vigués achegará 350.000 euros á institución académica, que deste xeito verá complementados os seus programas propios de bolsas e axudas destinadas ao alumnado con dificultades económicas. “Este equipo de goberno co reitor Reigosa á cabeza está facendo un traballo excepcional e fomos capaces de, a través do diálogo, trazar esta nova cooperación de máis de 300.000 euros para poder apoiar ás xentes da universidade que máis o necesitan”, explicou Abel Caballero despois da sinatura do convenio , que tivo lugar este mediodía en dependencias da alcaldía do Concello de Vigo. Pola súa banda, o reitor manifestou o seu agradecemento e satisfacción por este acordo, ao tempo que lembrou que “a universidade pública está comprometida con que toda a xente teña acceso á educación superior se ten as capacidades e a vontade de facelo, e moitas veces as axudas públicas non chegan e nós temos un programa propio que se vai ver de xeito importante complementado coas achegas que fai o Concello”, explicou Reigosa.

Ao abeiro deste acordo, que ten por obxectivo garantir a igualdade de oportunidades do alumnado nunha situación económica que limite ou impida o seu acceso ou a súa continuidade aos estudos universitarios, a Universidade de Vigo desenvolverá un programa de axudas que comprenderá bolsas de comedor e medidas de apoio doutro tipo para o alumnado con circunstancias familiares ou económicas desfavorables.

Vocación de continuidade

Trala sinatura de hoxe, o alcalde manifestou a súa pretensión de que este acordo se poida manter no tempo “e ir xuntos, porque o apoio deste goberno á Universidade é total e para Vigo a súa universidade é importantísima”, sinalou Caballero que, reiterou a súa confianza nas capacidades da institución académica para trazar proxectos educativos e para impulsar a economía e a industria. O alcalde tamén manifestou súa confianza de que despois “ do parón de cinco anos de goberno de dereitas en España, agora que hai un goberno distinto haxa mais posibilidades de que máis xente acceda á universidade “.

Á sinatura do convenio asistiron ademais do reitor e o alcalde, o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno e os concelleiros das Áreas de Orzamentos e Educación, Jaime Aneiros e Gorka Gómez.