DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430, co trompetista Rubén Simeó como solista

O Concerto de Nadal da Universidade trasládase a Pontevedra

Terá lugar o mércores 18 no Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 05/12/2019

Pontevedra será neste 2019 sede do tradicional Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, que correrá a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430, baixo a dirección de Javier Alonso e coa participación do reputado trompetista Rubén Simeó como solista. Cun programa conformado por pezas de diferentes xéneros e épocas, este Concerto de Nadal desenvolverase o vindeiro mércores 18 no Pazo da Cultura as 20.30 horas e as invitacións para a actuación poden solicitarse a través da plataforma Culturxest

Como lembra a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, este concerto insírese nas actividades recollidas no convenio de colaboración que a Universidade asinou o pasado ano coa Orquestra Vigo 430, “e no que xunto con outra serie de actividades en paralelo, decidimos rotar cada ano o Concerto de Nadal para que se celebre nos tres campus”. Organizado por esta vicerreitoría conxuntamente coa do campus de Pontevedra, esta actividade responde así mesmo “a unha das funcións da Universidade, que é a difusión da cultura”, á vez que busca promover “a unión da comunidade universitaria”, xa que se trata dunha iniciativa orientada en primeiro termo ás e aos membros da institución académica, “aínda que sempre soe haber prazas para poder ofertalo tamén a toda a cidadanía”. 

A actuación reunirá sobre o escenario do Pazo da Cultura 46 músicos baixo a dirección de Javier Alonso, violoncelista e director da Banda de Música do Rosal, que tras dirixir diversas corais polifónicas atópase actualmente ampliando os seus estudos de máster en Dirección no Conservatorio de Maastricht, en Holanda. Como solista, contará coa participación do reputado trompetista vigués Rubén Simeó, “un acreditado concertista internacional que percorre o mundo coa súa trompeta”, como destacan desde a orquestra. Con só 12 anos, Simeó gravou o seu primeiro disco e actuou como solista no Concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de RTVE, no Auditorio Nacional de Madrid, iniciando así unha traxectoria musical que o levou a facer xiras polos cinco continentes.

Un programa que abrangue diferentes xéneros

Con arranxos de Andrés Álvarez, o programa foi elaborado por Alonso e Simeó e estrearase, antes desta actuación, no concerto organizado polo Concello de Vigo que a orquestra realizará o sábado 14 no Auditorio Mar de Vigo. Conformado, sinalan desde a formación, por unha selección de “obras moi populares de diferentes estilos”, o concerto abrirase cun extracto da ópera Gazza ladra, de Gioachino Rossini, e continuará co Concerto nº2 do compositor cubano Arturo Sandoval. Nesta primeira parte, a orquestra interpretará tamén Lela, canción na que Rosendo Mato puxo música aos versos de Castelao, e completarase coa estrea de Macanudo, a peza composta especificamente para estes dous concertos por Azael Tormo. O segundo bloque do concerto iniciarase coa interpretación de Carnaval de Venecia, do director de orquestra e trompetista Jean Baptiste Arban e continuará coa canción brasileira Tico Tico, de Zequinha de Abreu. Haberá tamén espazo para achegarse a xéneros como a zarzuela, coa interpretación de La boda de Luis Alonso, de Gerónimo Giménez, e a cancións tan populares como My way, composta por Claude François e popularizada por Frank Sinatra. Trala interpretación de La Virgen de la Macarena de Charles Kofe, a actuación pecharase con Navidad en trompeta, do compositor de Costa Rica Víctor Hugo Berrocal.

A orquestra

O proxecto Vigo 430, que en 2014 era recoñecido cos Premios Martín Códax, na categoría de música clásica e contemporánea, naceu no ano 2005 de xeito independente e co obxectivo de crear unha agrupación musical de calidade, que estivera formada na súa maior parte polas novas xeracións de músicos saídos dos conservatorios galegos. Nos seus comezos, o seu traballo centrouse na creación dun núcleo de orquestra de corda que, a partir dos 2010, co apoio do Concello de Vigo, sería o xerme da actual Orquestra Sinfónica. O pasado ano, a orquestra asinaba un convenio coa Universidade, que recollía, xunto a actividades como o programa escoitANTES, que a formación ofrecería, en tres anos sucesivos, un concerto de Nadal nos tres campus da institución académica.

As invitacións para acudir ao concerto poderán solicitarse ata as 14.00 horas do vindeiro venres 13 ou ata o remate do número dispoñible, podendo solicitarse dúas invitacións por persoa, que se poderán imprimir ou descargar no móbil. A Universidade habilitou así mesmo un formulario para aqueles e aquelas integrantes da comunidade universitaria que precisen autobús para asistir desde Vigo e Ourense.