DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A charla será ofrecida pola profesora de Dereito Internacional Laura Movilla

Unha conferencia abordará no campus a importancia do Acordo de París fronte ao cambio climático

Trátase dunha iniciativa da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Ourense 10/04/2019

O ciclo Conversas sobre o Cambio Climático, organizado pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, chega estes xoves ao campus de Ourense coa celebración dunha conferencia divulgativa sobre Que significa o Acordo de París a cargo de Laura Movilla, profesora da Universidade de Vigo especializada en dereito internacional do medio ambiente.

Este ciclo, organizado coa colaboración das vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación; Comunicación e Relacións Institucionais e Investigación, xorde co obxectivo de analizar, con carácter divulgativo e desde un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quentamento global e o cambio climático. A primeira sesión tivo lugar no campus de Vigo o pasado 26 de marzo e foi protagonizada polo investigador Ramón y Cajal no Ephyslab da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel, que falou sobre Mitos e certezas do cambio climático.

Na segunda sesión, Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, realizará, segundo ela mesma explica, “unha introdución sinxela á gobernanza internacional do clima e a como funcionan os mecanismos de cooperación internacional para a loita contra o cambio climático, facendo unha especial énfase no Acordo de París, adoptado en novembro de 2015 en París na mediática COP 21 da Convención Marco das Nacións Unidas para o Cambio Climático”. O Acordo de París, considerado o primeiro acordo vinculante mundial sobre o clima, ten como obxectivo evitar que o incremento da temperatura media global do planeta supere os 2 ºC respecto aos niveis preindustriais, establecendo, entre outras cuestións, medidas para a redución das emisión de gases de efecto invernadoiro.

Na conferencia que se celebrará en Ourense ás 17.00 h no Edificio de Ferro, apunta a xurista, preténdese dar a “entender o funcionamento básico destes mecanismos de cooperación, cales son os principais actores e intereses, que implica que un estado ratifique un tratado ambiental multilateral coma este, como se pode esixir o seu cumprimento, que significa que Estados Unidos anunciase que se vai a retirar do mesmo ou cal é o papel da sociedade civil nesta loita, etc”.