DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo catedrático Andrés Rodríguez Benot

Unha conferencia afonda na importancia de elixir previamente o réxime de dereito a aplicar en caso de ruptura da parella

Nela abordouse o regulamento europeo na materia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 21/02/2020

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia sobre os novos regulamentos europeos respecto aos efectos patrimoniais dos matrimonios e das unións rexistradas, a cargo de Andrés Rodríguez Benot, catedrático de Dereito Internacional Privado da Universidad Pablo de Olavide, de Sevilla. Nela, o experto afondou co alumnado presente na importancia de planificar con antelación o réxime de dereito a aplicar en caso dunha futura crise do matrimonio ou da unión rexistrada.

A conferencia, que se celebrou no marco do Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito, levou por título O proceso de elaboración normativa na UE: a propósito dos novos regulamentos sobre efectos patrimoniais dos matrimonios e das unións rexistradas, e estivo presentada  polos profesores do centro Susana Álvarez e Miguel Ángel Michinel, tamén secretario xeral da Universidade de Vigo. Durante a súa intervención, Rodríguez Benot abordou a “complexa” elaboración normativa na Unión Europea lembrando como os dous regulamentos que centraron a súa intervención “estiveron practicamente discutíndose cinco anos”. Porén, recalcou, “son normas moi importantes para a vida dos cidadáns, porque poden con elas planificar con antelación cando se vaian a casar ou cando se vaian a inscribir como unión de feito que contido económico queren ter, a relación entre eles con respecto a terceiros en caso de que se disolva no futuro a unión, etc”. Os regulamentos, apuntou, son un “marco xeral” para os supostos transfronteirizos, para os matrimonios e para as unións rexistradas que impliquen a persoas de diferentes estados.

Marco europeo, estatal e autonómico

Aínda que se trata de regulamentos de 2016, o catedrático explicou como “empezaron a aplicarse fai un ano e xa temos algunha experiencia práctica”. Os textos citados, indicou Andrés Rodríguez, “permiten primeiro saber cal vai a ser a autoridade competente en caso de que haxa un conflito entre as parte”. En segundo lugar, engadiu, permiten coñecer “que dereito nacional se vai a aplicar se xorde ese conflito e como se recoñece noutros estados as decisións xudiciais e documentos públicos”, ademais de que “dá posibilidades ás partes e aos seus avogados de planificar con antelación todo o réxime matrimonial ou de unión previamente ao conflito”. Este marco, comentou Andrés Rodríguez Benot, “é novo para España”. O Código Civil e a Lei orgánica do poder xudicial, detallou, “seguirán aplicándose en certos aspectos pero os dous regulamentos teñen unha visión omnicomprensiva da situación, da materia, e a partir de agora son os nosos principais textos en materia de dereito internacional privado” neste eido.

Durante a súa conferencia, o catedrático deulle unha serie de consellos prácticos ao alumnado asistente, como futuros xuristas que son, para “aproveitar os regulamentos, que ofrecen moitas posibilidades”. Así, aconselloulles, entre outras cuestións, “preestablecer a residencia habitual das partes, que é moi relevante; solicitar informes e ditames de profesionais cando haxa litixios, confiando no labor de notarios e rexistradores, e elixir a lei aplicable en documento público”. Lembrando como en España hai un dereito civil común, que se aplica nas comunidades autónomas que non teñen dereito civil propio, o catedrático destacou como “un dos problemas fundamentais que hai é que os cónxuxes moitas veces non saben que réxime teñen”. Por este motivo, lembrou a importancia de afondar no desenvolvemento deste eido de actuación.