DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Pomar visitou este venres a Escola de Enxeñería Industrial

A conselleira de Educación coñece de preto o proxecto de UVigo Motorsport

Tivo a oportunidade de subirse ao monopraza UM19 e conversar sobre as principais novidades de 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Visitas
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/01/2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, tivo este venres a oportunidade de coñecer máis de preto a familia de UVigo Motorsport, un proxecto automobilístico liderado inicialmente por un equipo de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial e que, tras algo máis de cinco anos de rodaxe, logrou levar o nome da institución académica viguesa aos principais circuítos europeos de Fórmula Student -desde o español de Montmeló ata o alemán de Hockenheim, pasando polo holandés de Assen- e ir sumando o apoio do resto de escolas e facultades, así como de máis de medio cento de patrocinadores.

Os responsables de UVigo Motorsport explicáronlle á representante do goberno galego que este ano, por primeira vez, o equipo reforzouse cunha ampla participación de alumnado do campus de Ourense, sobre todo, das escolas de Enxeñaría Informática e de  Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo. Esta “delegación satélite traballa de forma telemática coa de Vigo, pero o coche seguímolo facendo aquí”, recalcou Pablo Chedas, resposable de Aerodinámica do equipo, que foi o encargado de irlle explicando á conselleira as principais novidades do proxecto para 2020. “Este ano integramos o equipo 34 estudantes de diferentes escolas de enxeñaría, así como doutras titulacións, dende Economía e Administración e Dirección de Empresas, que son os principais encargados de tarefas como a busca de patrocinadores e o marketing, ata Belas Artes, alumnos que teñen un papel importante á hora de deseñar a imaxe corporativa”, recalcou o líder do proxecto, cargo que este ano exerce o estudante de Economía Diego Pérez, quen tamén lle adiantou á conselleira que o principal reto a medio prazo é a construción dun coche totalmente autónomo para 2021.

Na súa visita á escola viguesa a conselleira, que non dubidou en aceptar o convite a subirse ao monopraza UM19, estivo acompañada polo reitor, Manuel Reigosa; o vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez Tabarés, e o propio director da escola, Juan Pardo, que seguiron de preto a conversa entre Pomar e os diferentes integrantes do equipo. “Para nós este tipo de actos son unha axuda importante pois, ademais de amosar a implicación e apoio das diferentes institucións a este proxecto, tamén nos axudan a darnos a coñecer”, explicou Manuel Diz, xerente do equipo, quen adiantou que a idea é seguir organizando actividades que acheguen o proxecto á cidadanía, tal e como fixeron o pasado mes de decembro, levando o monopraza ata o centro da cidade e fotografándoo coa iluminación de Nadal.